O Clúster Audiovisual Galego liderou desde o pasado ano a posta en marcha dunha
Plataforma sectorial de intelixencia competitiva internacional. Desde o 1 de xaneiro de 2018 as empresas socias do Clúster que participan no proxecto poden
coñecer as tendencias mundiais de todo tipo de formatos audiovisuais mediante
o seu acceso ao servizo the Wit Fresh TV database da consultora suíza
The Wit. Unha valiosa canle de información que ofrece un valor engadido
para a proxección exterior dos seus negocios.
A plataforma é unha
ferramenta útil para a internacionalización das empresas do sector audiovisual de Galicia.
A través dela as produtoras teñen acceso a unha base de datos que se
actualiza diariamente con novos programas e vídeos e que proporciona
información dos novos formatos e contidos audiovisuais de TV estreados
nuns 50 países ao longo de todo o mundo.
A participación na plataforma supón para as empresas o
acceso a un servizo de alto valor engadido en condicións económicas vantaxosas permitíndolles incorporar información do mercado audiovisual mundial na estratexia da empresa.
O proxecto conta co apoio da
Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
A súa participación, ademais de permitir o acceso da canle autonómica a
toda esta información, reforza o papel da Televisión de Galicia como
empresa tractora do sector audiovisual galego tamén no eido da
internacionalización.