As produtoras galegas Frida Films, Portocabo e Vaca Films participaron na 75ª edición do Festival Internacional de Cinema de Berlín, Berlinale, conformando a delegación comercial promovida polo Clúster Audiovisual Galego neste evento.
Esta nova edición da Berlinale, unha das citas cinematográficas máis prestixiosas de Europa cuxo mercado tivo este ano a España como país foco, aúna diferentes iniciativas industriais como o Berlinale Co-Production Market do European Film Market, Berlinale Talents e World Cinema Fund.
Berlinale Co-Production Market é un evento no que participan ao redor de 600 produtores, axentes de vendas, distribuidores internacionais, así como representantes de fondos nacionais, enfocado a profesionais que participan activamente en coproducións internacionais.
Por outra banda, o Berlinale Series Market Selects reúne a profesionais do sector para descubrir as novas apostas do mercado. Tres producións españolas foron seleccionadas para captar a atención de compradores e coproducores internacionais, entre elas “Honor”, producida por Portocabo e Atresmedia.
A misión comercial do audiovisual galego levouse a cabo no marco das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) concedidas polo Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), que teñen como obxectivo principal incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización e conseguir aumentar o número de empresas galegas de base exportadora.
