Cluster Audiovisual Galego

Delegación comercial en Mipcom 2024

As empresas socias do Clúster Audiovisual Galego Portocabo, Pulpa Rights (Verónica Buide) e Producciones Audiovisuales Setemedia conformaron a delegación do audiovisual galego, promovida polo Clúster, na 40ª edición de Mipcom, que tivo a España como país de honra.

Mipcom, que tivo lugar na cidade francesa de Cannes do 21 ao 24 de outubro, converteuse no mercado máis agardado do mundo audiovisual, onde se reúnen profesionais da industria audiovisual de todo o mundo para converter cada momento nunha oportunidade.

Mipcom Cannes volveu a ser punto de encontro internacional para a coprodución e a xestión dos dereitos tomando como sede o Palais des Festivals. Nesta edición déronse cita máis de 10.500 delegados de 110 países, con 347 empresas presentes, un número superior á edición anterior.

A misión comercial do audiovisual galego levouse a cabo no marco das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) concedidas polo Igape (Instituto Galego de Promoción Económica), que teñen como obxectivo principal incentivar a posta en marcha de planes de internacionalización e conseguir aumentar o número de empresas galegas de base exportadora.