Cluster Audiovisual Galego

Cursos de Produción Virtual e Avanzada

O Clúster Audiovisual Galego celebrou nos anos 2023 e 2024 dúas edicións dos cursos “Produción avanzada para produtores. Ferramentas técnicas, económicas e legais para a dirección e coordinación de produción en cine e televisión” e  “Produción virtual. Unreal Engine e Aximmetry en entornos de plató virtual”.

Estas accións formativas, de 60 horas de duración, foron promovidas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e contan coa financiación desta consellería, do Ministerio de Educación y Formación Profesional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos Fondos Next Generation da Unión Europea. 

Os cursos de carácter profesional estaban dirixidos a traballadores en activo, desempregados rexistrados como demandantes de emprego ou autónomos. 

Curso Produción Avanzada para Produtores 

Dirixido a profesionais da produción con interese por profundar e especializarse nas áreas de dirección de produción, coordinación de produción e cost control. O curso, con carácter modular, achégase en profundidade e detalle, seguindo os parámetros do mercado actual, a cada un dos elementos clave para o desenvolvemento completo dunha produción: financiamento da obra e relación coa contabilidade empresarial; deseño e elaboración de orzamentos segundo as condición do proxecto; cost control, contabilidade e cashflow de produción; legalidade audiovisual; preparación, seguimento e xustificación de axudas públicas; e requisitos técnicos de imaxe e son relevantes para as entregas e determinantes para o fluxo de traballo da producción. 

Curso Produción Virtual 

Formación dirixida a profesionais audiovisuais interesados en dar o paso á xeración de contidos virtuais en tempo real e ao traballo en platós virtuais. Ao longo do curso farase un percorrido teórico-práctico polas principais características de UNREAL ENGINE para producir contidos visuais en tempo real, tanto de forma nativa como nun dos principais softwares broadcast, AXIMMETRY. Trataranse en profundidade os aspectos visuais da ferramenta e farase unha introdución ao visual scripting con Blueprints para a creación de interactividades.