Cluster Audiovisual Galego

Delegación empresarial MIFA de Annecy 2024

O Clúster Audiovisual Galego promoveu a participación das súas empresas no MIFA do Festival de Annecy 2024, que se celebrou en xuño na localidade francesa. O produtor Xosé Zapata e a CEO de Pulpa Rights, Verónica Buide, integraron a misión comercial do Clúster no que está considerado como o mercado máis importante do mundo para contidos de animación, e que foi conformada co obxectivo de impulsar a internacionalización das compañías galegas dedicadas á animación.

A edición de 2024 ofreceu novas oportunidades de impulso e visibilidade á industria cinematográfica do noso país.

Entre os obxectivos deste mercado está reunir aos diferentes actores da industria audiovisual para establecer conexións e discutir oportunidades de negocio como colaboracións e coproducións, financiación e distribución.

MIFA creou o Espazo XR&Games, un lugar especialmente dedicado aos videoxogos e ás experiencias inmersivas emprazado dentro da Chambre de Métiers et de l’Artisanat, cerca do Palacio Imperial. Ademais, a Área XR&Games do mercado proponse como un lugar de descubrimento, relaxación e networking, deseñada como medio para conectar aos profesionais e fomentar o intercambio creativo.