As produtoras Portocabo e Setemedia participaron no evento internacional Series Mania Forum 2024, que se celebrou en marzo en Lille (Francia), no marco dunha misión comercial promovida polo Clúster Audiovisual Galego. Os representantes de ambas compañías acodiron a este foro no que se dan cita miles de executivos da televisión de todo o mundo.
O Clúster facilitou así o encontro da delegación galega con profesionais do ámbito das series que se reúnen na localidade francesa para presentar novos proxectos en busca de financiación, celebrar reunións para posibles coproducións e debater sobre o estado do sector.
Series Mania Forum é un dos eventos de ficción seriada máis importantes de Europa, que para este 2024 prevía recibir a máis de 4.000 profesionais da industria da ficción. A cita de Lille superará as cifras récord de 2023 debido á atención que o modelo de coprodución internacional está tomando en todo o mundo.
Arredor de conferencias, sesións de pitching de proxectos e screenings reúnense os principais executivos do ámbito da televisión, converténdose nun lugar de networking imprescindible para os produtores deste tipo de contidos.
