Cluster Audiovisual Galego

6ª edición Pitching TFG

Un total de 14 proxectos audiovisuais presentáronse o día 26 de xaneiro, en Pontevedra, diante de profesionais do sector. Estes traballos conformaron a 6ª edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), que organiza o Clúster Audiovisual Galego en colaboración coas Universidades de Vigo, Santiago de Compostela e da Coruña, e este ano tamén do Clúster Audiovisual de Catalunya. 

A apertura deste foro, celebrado na Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, quen destacou a importancia do contacto entre o sector universitario e empresarial no ámbito da industria audiovisual, e do concelleiro de Desenvolvemento Sostible de Pontevedra, Iván Puentes. Para o representante municipal este tipo de iniciativas son importantes para potenciar a relación entre a cidade e a Universidade. 

Durante a xornada, os egresados tiveron a oportunidade de testar os seus traballos con empresas socias do Clúster, e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos seus proxectos. 

O Pitching TFG celebrou este ano a súa sexta edición, co apoio do Igape, e coa colaboración do Concello de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. 

Este foro mantén como principal obxectivo a posta en valor do novo talento audiovisual e a súa conexión co tecido empresarial. Para este 2023 as entidades académicas seleccionaron once traballos de titulados das tres universidades galegas, ás que se sumaron outras tres propostas do Clúster Audiovisual de Catalunya. 

Os proxectos seleccionados están en diferentes fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes e curtametraxes de ficción e animación, series, documentais e obras multimedia. 

Por parte da Universidade de Santiago de Compostela presentáronse os proxectos “Invasoras”, de Antón Carral; “Onde fomos xuntas”, de Marta Alborés e Lucía Mosquera; “No profundo”, de Sara Herbón, Clara Docío e Sara Malvido; e “Joe e Gordon na lúa”, de Diego Feijóo. 

Os traballos da Universidade de Vigo foron “Causalidades”, de Branca Breijo; “Antígona”, de María Isabel Estévez; “El Princess”, de Martín Arufe, e “Ágape”, de Patricia Villalón e Víctor Couto. 

A Universidade da Coruña estivo representada por “Aperta”, de Marina Muíño; “Cadeas”, de Álvaro Antonio López e Pablo Rodríguez, e “Riders: A la caída”, de Carlos Daniel Ángel, Adrián Lado, Alexia Mariño e Andrés Rey. 

E os tres proxectos cataláns participantes levan por título “16:53h.”, de Edgar Rodríguez; “Dear Outer Space”, de Alex Pintó, Eric Aguilar, Esther Plaza, Gerard Serna, Joan Peña, Laura Ramírez, Lara Carrasco, Mónica Garrido, Noa Bofill, Pau Homb e Ricard Castilla; e “Fuera de campo”, de Guillem Ruiz e Raúl Pérez. 

Os autores dos traballos intentaron captar o interese do panel de expertos, que nesta edición estivo conformado pola Televisión de Galicia e por produtoras como Portocabo, Producciones Audiovisuales Setemedia, Zenit Televisión, Adivina Producciones, Melgo Cinema ou Studio XXI Producciones. 

Tralas presentacións, os novos talentos tiveron a oportunidade de ter un speed dating, un espazo de tempo para falar con cada unha das empresas. A través destas reunións facilitóuselles un contacto directo coa industria, podendo aportar información adicional sobre as súas obras e os produtores dar a súa opinión sobre elas. 

Este sexto Pitching TFG pechouse coa entrega de premios por parte do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e da xefa do Servizo de Contidos da TVG, Montse Besada. “Fuera de campo”, de Guillem Ruiz e Raúl Pérez, conseguiu o Premio ao Mellor Proxecto, consistente nunha axuda de 1.000 euros para o desenvolvemento e outorgado coa colaboración da CRTVG. Mentres que “No profundo”, de Sara Herbón, Clara Docío e Sara Malvido, obtivo o Premio Contribución á Difusión de Contidos Audiovisuais en Lingua Galega, consistente nun bono de servizos de empresas do Clúster por importe de 1.000 euros, que lle permitirá ter acceso a servizos cos que poida abordar algún proceso de preparación para a venda, produción, iluminación, postprodución ou son do seu proxecto.