Cluster Audiovisual Galego

16ª edición do pitching "I+P, Ideas para Producir"

A Coruña foi o escenario os días 1 e 2 de decembro da celebración da 16ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir” na que participaron máis dun centenar de profesionais do audiovisual de toda España. 

O “I+P, Ideas para Producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, conecta proxectos audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento con canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel e ten como obxectivo favorecer acordos comerciais para a produción ou a venda de novos proxectos. 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou no acto de clausura do evento, onde dixo que iniciativas como esta son necesarias para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, e destacou  aposta que fai a súa cidade pola cultura e o cine, citando algunhas das actividades desenvoltas na Coruña arredor do mundo cultural e audiovisual.  

A apertura da xornada de pitching correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e da coordinadora do Departamento de Política Audiovisual da Xunta de Galicia, Dolores Meijomín. Algora destacou a utilidade desta xornada de pitchs e reunións de negocio como plataforma de impulso e materialización de novos proxectos de cine e televisión.  

O presidente do Clúster tamén aproveitou a ocasión para agradecerlles aos colaboradores da presente edición o seu compromiso co formato. 

Pola súa banda, a representante da Xunta indicou que o I+P converteuse nun punto de encontro de referencia para o sector e destacou o nivel dos executivos que acuden como potenciais compradores a este encontro.  

También se refiriu á decidida aposta que desde a Administración autonómica se fai polo desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos, refiríndose á liña de axudas específicas coa que conta esta comunidade, e tamén quixo destacar unha segunda liña de apoio destinada á atracción de rodaxes.  

Durante toda a mañá os responsables dos 17 proxectos participantes presentaron, no Centro Ágora coruñés, e en intervencións de dez minutos, os seus traballos diante dunha vintena de executivos do audiovisual que asisten desde onte ao “I+P, Ideas para producir” na Coruña. 

O panel de expertos da presente edición estivo conformado por Maite López Pisonero, subdirectora de Cine de RTVE; Gemma Vidal, produtora executiva de Atresmedia Cine; Lucía Alonso-Allende, subdirectora de Ficción de Atresmedia TV; Jorge Tuca, director da Área de Desenvolvemento de Proxectos de Telecinco Cinema; Carmen Socías, xefa de Análise de Guión no Departamento de Ficción de Mediaset España, Lara López, do departamento de Compras de Dereitos Audiovisuais de Cine Español e Independente, e Ana Diez e Alba Menor, executivas de Desenvolvemento de Series Orixinais, de Movistar Plus+; Pilar de las Casas, vicepresidenta da área de Ficción en AMC Networks Southern Europe; Fernando R. Ojea, director de Contidos de CRTVG, e Montse Besada, xefa do Servizo de Contidos de TVG; Esther Dueñas, produtora executiva no Departamento de Cine e Ficción de TV3; Natalia Martínez, directora de Contidos de Aragón TV; Andrés Longares, xefe de Produción Local de Warner Bros. Discovery; Inmaculada Castaño, delegada en Galicia de Filmax; Fernando Riera, responsable de Distribución de Cine Español e Coproducións de A Contracorriente Films; Nerea Bautista, responsable de Desenvolvemento de Contidos e Series de Ficción de DeAPlaneta; Tony Albert, CEO de Motion Pictures Entertainment, ou Carlota Dans, do Departamento de Contidos de Portocabo. 

Proxectos participantes 

Do total de traballos presentados seis correspóndense cos proxectos que participaron na primeira edición da incubadora I+P, INCUBA posta en marcha polo Clúster coa financiación do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais do Ministerio de Cultura) dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con Fondos Europeos Next Generation EU.  

Estes seis títulos son as longametraxes de ficción “Sonámbulo”, de Vaca Films, e “As defensas”, de Cósmica Producións; a longametraxe documental “Juliette y Camille”, de Sétima; as series de ficción “Nexo”, de Voz Audiovisual, e “Una de bravas”, de Kaboga art & films, e a serie de animación “Cebra con lunares”, de Sygnatia. 

Completan o total de proxectos presentados, as longametraxes de ficción “Para Ver O Mar”, de TEX45 Producións; “Azul 91”, de Norte Catro Cinema; “Singular”, de White Leaf Producciones; “Balazos y Palomitas”, de Eva Vázquez; “Bou Eva”, de Visioners Entertainment, e “Marma Rabbit Boy”, de CSC Films. Tamén as miniseries de ficción “Normal”, de Lidia Fraga; “El Perdón”, de Corte y Confección de Películas; “El rastro del Arropiero”, de Héctor Escandell, e as series documentais “Rebaño”, de Producións A Fonsagrada (Filmax) e “Paixón”, de Avendaño Estudio. 

Máis de 200 encontros de negocios 

O “I+P, Ideas para Producir” proseguiu pola tarde coa celebración de máis de 200 encontros bilaterais onde os responsables dos proxectos e os executivos poideron intercambiar impresións, ampliar a información dos traballos expostos pola mañá e establecer posibles contactos comercias.  

Este ano o “I+P, Ideas para Producir” contou co apoio da Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22, e a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Coa colaboración do Concello da Coruña, AGAG, CREA, da plataforma Filmarket Hub e do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA); e co patrocinio de Music Library & SFX, Cinetools, Gadisa e Galicia Calidade.