Cluster Audiovisual Galego

15° edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”

Pontevedra acolleu os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2021 a celebración da 15ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir” na que participan máis dun centenar de profesionais do audiovisual de toda España. 

O “I+P, Ideas para Producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego conecta proxectos audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento con canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel e ten como obxectivo favorecer acordos comerciais para a produción ou a venda de novos proxectos. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na apertura do evento, xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e ao presidente do, Clúster, Jorge Algora, coincidindo todos na utilidade desta xornada de pitchs e reunións personalizada cara o impulso e a materialización de novos proxectos galegos de cine e televisión. 

Para o alcalde o encontro “I+P, Ideas para Producir” é unha grande oportunidade para dar a coñecer a cidade aos participantes e impulsala como plató de rodaxe. 

O presidente do Clúster aproveitou a ocasión para agradecerlle aos colaboradores da presente edición o seu compromiso co formato. 

Jacobo Sutil faloulles aos asistentes sobre o Hub Audiovisual da Industria Cultural. Durante o seu relatorio, incidiu na oportunidade de recuperación e de crecemento que este novo programa da Xunta de Galicia lles ofrece aos profesionais do cinema e da televisión.

Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais do Goberno galego fixo especial fincapé no fondo para atracción de rodaxes, ao que corresponde a primeira das convocatorias postas en marcha ao abeiro do Hub Audiovisual. Como explicou, as súas diferentes iniciativas están a ser deseñadas pola Xunta en diálogo permanente cos principais representantes do sector e, en conxunto, implicarán un investimento sen precedentes neste ámbito en Galicia, cun financiamento de 9,6 millóns de euros para o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.

A posta en marcha da Galicia Film Commission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta, segundo explicou Sutil. 

Durante toda a mañá os responsables dos 18 proxectos seleccionados para participar no Pitching presentaron, en intervencións de dez minutos, os seus traballos diante de diversos executivos do audiovisual que participan desde onte no “I+P, Ideas para producir” en Pontevedra. 

Nesta edición participaron no pitching RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar+, Netflix, Amazon Studios, as autonómicas CRTVG, Aragón TV e RTVA. Tamén asisten a este encontro responsables de distribuidoras de primeiro nivel como Filmax, A Contracorriente Films ou DeAPlaneta, e de destacadas produtoras do audiovisual actual como Bambú Producciones ou Portocabo.

Máis de 200 encontros de negocios

O “I+P, Ideas para Producir” continuou pola tarde coa celebración de máis de 200 encontros bilaterais onde os responsables dos proxectos e as empresas poden intercambiar impresións, ampliar a información dos traballos expostos pola mañá e establecer posibles contactos comerciais. En total, presentáronse 18 proxectos, entre os que se encontran longametraxes de ficción e documentais, series e miniseries de televisión e algún formato de televisión, procedentes de toda España. 

Nesta ocasión o “I+P, Ideas para Producir” contou co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX, Cinetools, Galicia Calidade e Campos&Rial Correduría de Seguros, e coa colaboración de AGAG, CREA, da plataforma Filmarket Hub, do MPXA e da Pontevedra Film Commission.

Pontevedra, escenario de rodaxes

A presente edición de “I+P, Ideas para Producir” incluíu a realización de actividades promocionais co obxectivo de potenciar a cidade de Pontevedra e a súa contorna como un escenario ideal para a rodaxe de producións audiovisuais de cine e televisión. Así como unha recepción coa concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Gloria Blanco, que recibiu á delegación de executivos do audiovisual que participaron no I+P no concello.


Actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura y Deporte: