Cluster Audiovisual Galego

“Tres”, dirixida por Juanjo Giménez e producida por Frida Films, estará no Festival de Toronto e na Giornate Degli Autori de Venecia

02-08-2021

A película de Juanjo Giménez, “Tres”, coproducida pola asociada do Clúster Frida Films, participará na sección Contemporary World Cinema da 46ª edición do Festival Internacional de Cine de Toronto, que se celebrará do 9 ao 18 de setembro, e competirá na sección Giornate Degli Autori do Festival de Venecia, paralela á Mostra, e que terá lugar do 1 ao 11 de setembro.

“Tres” é a segunda longametraxe do director Juanjo Giménez, unha produción de Luisa Romeo (Frida Films) en coprodución con Manny Films, (Francia) e M-Films (Lituania). A película conta coa axuda de ICAA, ICEC, AGADIC e coa participación das televisións TVG, TV3, Canal Plus Francia, así como cos fondos de MEDIA e Eurimages. Le Pacte se encarga das vendas internacionais.

“Three (tres)” está protagonizada por Marta Nieto, xunto a Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu. Participou no mercado de Coprodución da Berlinale 2018 e foi premiada ese mesmo ano na undécima edición de TorinoFilmLab.

Sinopse

Marta Nieto é C. (39) unha deseñadora de son que goza do seu traballo e que pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, misturando. O estudio é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as maltreitas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa nai anciá e cos seus compañeiros de traballo. Malia que ela aínda non o sabe, C. está comezando a desincronizarse. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde cas imaxes.