Cluster Audiovisual Galego

Cinfo, Ericson e Orange instalan sistema de produción de eventos deportivos con intelixencia artificial e 5G no estadio de O Couto para Televisión de Galicia

30-07-2021

A nosa asociada Cinfo, compañía española líder en tecnoloxías de produción automática, está levando a cabo os traballos de instalación do seu sistema de produción automática con intelixencia artificial aplicada á emisión de eventos deportivos en directo no Estadio O Couto (Ourense) para a Televisión de Galicia (TVG), ofrecendo á cadea novas formas de producir, de maneira máis dixital, interactiva e rápida que redunden nun mellor servizo público para o público galego. O sistema quedará instalado a finais de agosto e posteriormente faranse as primeiras emisións.

Desenvolto en colaboración con Ericsson e Orange e coa colaboración da TVG, ao despregar a cobertura 5G ultraveloz e de baixa latencia na área do estadio mediante a instalación dun nodo 5G (gNodeB), co-localizado cun nodo LTE (eNodeB) que presta servizo na área próxima, este proxecto permitirá implementar todas as posibles aplicacións de capacidade da rede 5G para a retransmisión de eventos deportivos a través do uso de tiivii, produto de produción de televisión automática de cinfo.

tiivii é un produto deseñado para a xeración de contido e a produción audiovisual de eventos que permite crear desde cero e de forma rápida e sinxela unha canle de TV propia que permite a retransmisión de eventos en streaming de forma automática sen necesidade de desprazar equipos de gravación presenciais. Así mesmo, conta cun estudio de produción na nube que pode producir eventos de gran calidade e escalables combinados con intelixencia artificial para a detección de persoas, obxectos e clasificación de escenas en tempo real.

Entre as funcionalidades deste produto pódense destacar a realización multicámara, coa posibilidade de ter diferentes cámaras de forma simultánea nas que o espectador pode elixir en cada momento que desexa visualizar, a inserción de marcadores, grafismos e publicidade, así como locutores ou repeticións en tempo real e ferramentas de análise táctico avanzado.

Esta iniciativa enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos y Transformación Digital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) e a posta en marcha deste proxecto piloto da UTE formada por cinfo, Ericsson, Orange, Gammera Nest e Optare Solutions permitirá, entre outros, reducir custes de produción, apoiar ao deporte local, reducir o tempo de realización de eventos e a posibilidade de crear outros servizos co mesmo investimento, tanto para o emisor como para o propietario e usuarios da instalación, ao contar cunha maior flexibilidade de aplicacións que as instalacións tradicionais.