Cluster Audiovisual Galego

Televisión de Galicia, primeira televisión pública que retransmite en directo mediante o 5G de Telefónica

27-07-2021

Televisión de Galicia (CRTVG) converteuse na primeira canle pública española en levar a cabo unha retransmisión en directo mediante tecnoloxía 5G coa conectividade proporcionada por Telefónica.  

Este fito tecnolóxico tivo lugar o pasado venres mediante a retransmisión en directo para o `Telexornal mediodía´ de TVG desde o Monte do Gozo, na que se entrevistaron varios peregrinos co gallo da súa chegada a Compostela coincidindo coa celebración esa fin de semana do día de Santiago Apóstolo. Para isto, Telefónica conectou con tecnoloxía 5G unha cámara de TVG, a través dunha mochila con codificación de vídeo H.265 de Mobile Viewpoint B.V equipada con módems 5G que permite retransmitir en directo con alta calidade e baixo retardo. Para esta retransmisión, CRTVG e Telefónica traballaron conxuntamente durante un ano realizando probas nas que se levaron ao límite os dispositivos coas novas capacidades da rede 5G, o que permitiu, por exemplo, reducir os retardos ata 0,8 s (un 25% menos da latencia habitual en directos). 

Esta acción piloto 5G enmárcase dentro dos proxectos do Nodo de Cooperación 5G impulsado pola Xunta de Galicia a través de Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), para situar Galicia como comunidade autónoma de referencia no desenvolvemento das tecnoloxías de ultrabanda ancha móbil. 

Tal e como destaca Mercedes Fernández, xerente de Innovación de Telefónica España, “o 5G supón un cambio revolucionario nas retransmisións en directo dos medios de comunicación, ao convertelas en máis eficientes e flexibles. De feito, os medios de comunicación son un dos sectores que maiores beneficios obterá coa chegada do 5G xunto coa industria e o coche conectado”.

Pola súa parte, Sara González, directora da Área de Soporte Tecnolóxico e Medios da CRTVG, salienta que “a aposta pola innovación da Corporación Radio e Televisión de Galicia concrétase en proxectos coma este, coa exploración de novas tecnoloxías que poidan ser de aplicación para mellorar as nosas emisións e retransmisións en directo, mediante a colaboración con empresas e institucións tecnolóxicas. A CRTVG foi das primeiras canles en España en implantar a tecnoloxía 4G para as transmisións en directo. O 5G, entre outras vantaxes, permitirá incrementar a fiabilidade das retransmisións, aumentar a calidade da imaxe transmitida grazas ao seu gran ancho de banda e reducir os retardos”. 

A iniciativa contou tamén coa colaboración de Nokia como subministrador da infraestrutura de radio 5G na rede de Telefónica, mentres que a mochila 5G do fabricante holandés Mobile Viewpoint B.V foi subministrada polo seu distribuidor en España Ges-IT S.L.

Con este caso de uso amósase o potencial do 5G para os medios de comunicación. Así, o grande ancho de banda, a baixa latencia e a estabilidade que proporciona o 5G permite mellorar a naturalidade das entrevistas en directo cunha resposta da persoa entrevistada inmediata e emisións de vídeo con calidade HD á máxima velocidade permitida pola mochila, que incluso con movementos da cámara mantén a estabilidade do sinal e a calidade de vídeo recibido na realización da Televisión de Galicia. Ademais, facilita a transmisión de varios sinais simultáneos a través da mesma mochila.

Durante os derradeiros catro anos, a CRTVG completou un proceso de dixitalización e apertura multicanle, de aposta pola innovación tecnolóxica e mellora de procesos, así como, no que respecta aos contidos, pola exploración de novas linguaxes e plataformas. Ademais da dixitalización dos procesos de produción e de arquivo, TVG é a única televisión de España -con máis dunha canle- en ofrecer todo o seu contido en HD, e a primeira autonómica en lanzar unha canal integramente por YouTube