Cluster Audiovisual Galego

"La gallina Turuleca" e "La boda de Rosa", nomeadas aos Premios Platino 2021

21-07-2021

“La gallina Turuleca”, coproducida pola nosa asociada Filmax, e “La boda de Rosa”, ambas distribuídas por Filmax, foron recoñecidas con varias nominacións nos VIII Premios Platino do Cine Iberoamericano, que promove a Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) en colaboración coa Federación Iberoamericana de Productores Cinematográficos y Audiovisuales (FIPCA).

A gala de entrega de premios está previsto que se celebre o próximo 3 de outubro en Madrid.

"La gallina Turuleca", nomeada a Mellor Película de Animación nos Premios Platino, volveu en 2020 ás nosas pantallas convertida en personaxe de animación e con numerosos e coñecidos temas musicais, ademais das voces de Eva Hache e José Mota, que interpretan aos protagonistas do filme.

A popular galiña é a protagonista dunha entrañable historia dirixida polo nomeado a un Goya Víctor Monigote (“Mortadelo y Filemón contra Jimmy el Cachondo”) e Eduardo Gondell (“Valentina, la película”), sobre unha galiña cun aspecto peculiar e un don moi especial. "La gallina Turuleca" conta a historia de como un ser diferente encontra o seu lugar no mundo e, a partir doe seu talento persoal e único, logra vencer os seus medos para comezar unha aventura que lle permite reencontrarse cos seres que ama. Por todos estes valores, o Ministerio de Cultura outorgou á película a cualificación de “especialmente recomendada para a infancia”, converténdose no plan perfecto para toda a familia.

Corenta anos despois de que a canción se convertera nun referente, Turuleca deu o paso por fin aos cines para facer as delicias de aqueles pais (e avós) nostálxicos e conquistar unha nova xeración de nenos.

Ademais desta nominación aos Premios Platino, a película foi recoñecida co Premio Goya a Mellor Película de Animación e a Medalla CEC a Mellor Longametraxe de Animación.

O filme conta coa produción artística do gañador do Goya, Juan Pablo Buscarini (“Pérez, el ratoncito de tus sueños”; “La gran aventura de Los Lunnis y el libro mágico”). A cinta é unha produción hispano-arxentina de Tandem Films, Producións a Fonsagrada (Filmax), Gloriamundi Producciones e Brown Films, en coprodución con Pampa Films, Argentina Sono Film, Mediabyte, In Post We Trust, Malditomaus, coa participación de RTVE, CRTVG, VODAFONE e CREA SGR. Filmax encárgase tanto da distribución en España como das vendas internacionais.

"La boda de Rosa", a nova comedia de Iciar Bollain, opta a tres galardóns nos Premios Platino: Mellor Dirección para Iciar Bollain, Mellor Interpretación Feminina para Candela Peña e Mellor Interpretación Feminina de Reparto para Nathalie Poza. A película é a odisea do seu protagonista para empezar unha nova vida, aínda que ninguén a entenda. Unha noiva moi especial interpretada por Candela Peña, cos excepcionais Sergi López, Nathalie Poza, Ramón Barea e Paula Usero como a súa invasiva pero cariñosa familia.

Tras inaugurar o Festival de Málaga, no que conseguiu a Biznaga de Prata ao Premio Especial do Xurado e a de Mellor Actriz de Reparto para Nathalie Poza, e estrearse en salas de cine, "La boda de Rosa" logrou poñer de acordo a público e crítica, que se desfixo en piropos tanto coa película como cos seus intérpretes.

Bollain firma o guión xunto a Alicia Luna, e como na súas primeiras películas aborda unha historia de personaxes que nos fala de cousas que dunha maneira ou doutra nos afectan a todos, pero sempre con humor e emoción. Rozalén compón e interpreta a canción orixinal do filme, titulada “Que no, que no”, unha cumbia clásica da mano da agrupación tropical mexicana La Sonora Santanera.

Ademais desta nominación aos Premios Platino, a película foi recoñecida con dous Premios Goya (Mellor Actriz de Reparto para Nathalie Poza e Mellor Canción Orixinal para Rozalén por “Que no, que no”), co Premio Feroz a Mellor Película, co Premi Gaudí a Millor Protagonista Femenina para Candela Peña e 6 Medallas CEC (incluída Mellor Película, Dirección e Actriz Protagonista).

"La boda de Rosa" é unha produción de Tandem Films, Turanga Films, Setembro Cine, La boda de Rosa la película AIE e Halley Productions (Francia). Conta coa participación de RTVE, Movistar+ e À Punt Mèdia, co financiamento do Goberno de España e coa axuda do Institut Valencià de Cultura (IVC) e do Institut Català de les Empreses Culturals (ICEC). É distribuída en España por Filmax e as vendas internacionais corren a cargo de The Match Factory.