Cluster Audiovisual Galego

Aeromedia U.A.V. e o ITG participan en UNVEX 2021

07-07-2021

As nosas asociadas Aeromedia, U.A.V. e Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participan estes días no evento  UNVEX 2021, que se celebra ata o 9 de xullo na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. A sexta edición de UNVEX, a máis relevante cita a nivel nacional centrada nos vehículos aéreos non tripulados, foi inaugurada esta mañá polo presidente de Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que anunciou un novo impulso para o Polo Aeroespacial de Galicia, pulo que se materializará co inicio dos trámites para seleccionar novos socios estratéxicos e tecnolóxicos para os vindeiros cinco anos.

UNVEX 2021 celébrase coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do Polo Aeroespacial de Galicia, dando cabida aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector.

Ten confirmadas preto de 70 firmas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2.500 metros cadrados de exhibición, entre as que destacan compañías referentes do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.

O congreso celebrarase en parte na Cidade da Cultura, que acollerá un completo programa de conferencias e onde se amosaranse as novidades presentadas por máis de 60 empresas na área de exposición, incluídos os avances da industria galega do sector. Ademais, desenvolveranse tamén no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) e na Escola Naval de Marín demostracións de sistemas e vehículos aéreos e mariños non tripulados.

O obxectivo é impulsar dende aquí a industria dos vehículos aéreos non tripulados, un sector que xerará 1.200 millóns de euros en 2035.