Cluster Audiovisual Galego

A Televisión de Galicia, líder de audiencia e líder entre as canles autonómicas

06-07-2021

Televisión de Galicia segue a ser líder de audiencias en Galicia, no conxunto da semana, segundo o Estudo Xeral de Medios coñecido este martes, e faino tanto nesta segunda onda do EXM, cun 15,2%, como no total do ano móbil outubro 2020 – maio 2021, cun 16,4%.

Desde a CRTVG destacan especialmente a fortaleza da canle na sobremesa, cunha cota media do 31% entre as 13:30 h e as 17:00 h. nesta franxa composta polo bloque informativo do “Galicia noticias” e o “Telexornal mediodía”, seguidos do magazine da tarde “Quen anda aí”, e na que case duplica ao seguinte competidor, (Antena 3 cun 15,6%) e triplica ao terceiro (9,6%  TVE).

Nas mañás, de 08:00 a 13:00 h, co bloque composto polos espazos “Bos días” e “A revista” a Galega tamén lidera as audiencias cun 18,6% superando en 5,7 puntos de cota a Antena 3. No prime time a TVG amosa de novo a súa fortaleza e pasa a barreira dos dous díxitos (10,4%) o que a sitúa na segunda posición dunha franxa de competencia extrema.

Ademais, a TVG acada o liderado entre as canles autonómicas, empatada con TV3, cun 16% de cota no acumulado anual de outubro de 2020 a maio de 2021. 

Por días da semana nesta última onda do EXM cómpre salientar as audiencias dos luns (16,2%), martes (16,3%), xoves (16,3%) e sábados (17,7%). As medicións do EXM ratifican os datos de Kantar Media que arroxaban este pasado mes de xuño os mellores resultados de audiencia da TVG dos últimos tres anos.