Cluster Audiovisual Galego

O Clúster celebrará o día 18 o webinar “Que pode facer a intelixencia artificial polo sector audiovisual?”

07-06-2021

O próximo día 18 de xuño, a partir das 10:00 horas, terá lugar o webinar “Que pode facer a intelixencia artificial polo sector audiovisual?”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego coa colaboración do Clúster TIC Galicia e co apoio do Igape.

A Intelixencia Artificial pode abarcar numerosas áreas e funcionalidades dentro do sector audiovisual. Neste webinar, que será presentado e moderado por Manuel Meijide, responsable da Área de Contidos Dixitais do Clúster Audiovisual Galego, daremos a coñecer algunhas aplicacións da IA á nosa industria e de como estas poden ser de gran axuda. 

En primeiro lugar, os investigadores da Universidade de Granada (UGR) Juan Julián Merelo e Pablo García-Sánchez darán a coñecer un proxecto deseñado en colaboración coa Universidade de Cádiz (UCA) consistente no primeiro sistema informático do mundo baseado en técnicas de Intelixencia Artificial que axuda aos guionistas a escribir a historia que mellor poda funcionar de cara ao público.  

A sesión continuará coa intervención de Juan Romero, profesor da Universidade da Coruña e co-fundador de PhotoIlike.com, quen amosará aos asistentes as posibilidades que ofrece esta ferramenta no sector audiovisual. Seguidamente, Manuel Miguez, director da empresa de software 3.14 Financial Contents detallará as solucións de Intelixencia Artificial creadas pola súa empresa para a industria audiovisual. Os asistentes terán ocasión de formular as cuestións que consideren de interese sobre estes temas aos participantes no webinar. 

PROGRAMA: 

10:00 h. Apertura da xornada e presentación

Manuel Meijide, responsable da Área de Contidos Dixitais do Clúster Audiovisual Galego

10:10 h. Aplicación da Intelixencia Artificial á análise do guión

Juan Julián Merelo , investigador do Departamento de Arquitectura e Tecnoloxía

de Computadores e Catedrático da Universidade de Granada

Pablo García-Sánchez, investigador do Departamento de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da Universidade de Granada

10:30 h. PhotoILike: aplicacións no sector audiovisual

Juan Romero, co-fundador e Chief Innovation Officer de PhotolLike.com e profesor da Universidade da Coruña

10:50 h. 3.14 Financial Contents : solucións IA para a industria audiovisual

Manuel Miguez , director de 3.14 Financial Contents

11:10 h. Rolda aberta de preguntas

11:30 h. Peche da xornada 

INSCRICIÓN:

O aforo é limitado e a participación no webinar gratuíta previa confirmación de asistencia no mail comunicacion@clag.es. Enviarase enlace de Webex antes da sesión.


Co apoio de: