Cluster Audiovisual Galego

“Hombre muerto no sabe vivir”, a ópera prima de Ezekiel Montes, estrearase o próximo 2 de xullo

30-04-2021

“Hombre muerto no sabe vivir”, primeira longametraxe como director do cineasta Ezekiel Montes (tamén responsable da produción e do guión), chegará aos cines de toda España o próximo 2 de xullo da man da socia do Clúster Filmax.

Este thriller con tintes de cine negro ambientado na Costa do Sol está protagonizado por Antonio Dechent (Solas, Intacto), Rubén Ochandiano (Biutiful, Los abrazos rotos), Elena Martínez (Este amor es de otro planeta, Lobo Feroz), Jesús Castro (La isla mínima, El niño), Paco Tous (La sombra de la Ley, La lista de los deseos), Nancho Novo (La Celestina, La ardilla roja) e Manuel de Blas (El túnel, Los fantasmas de Goya). Completan o seu reparto Juan Fernández (Solas, La caja 507), Juanma Lara (El Olivo, El niño que pintaba el mar), Roberto Garcia (La casa de papel, El chicano) e Manolo Caro (El Bola, Camarón).

Sinopse

A historia xira arredor de Tano (Antonio Dechent), quen traballou toda a súa vida para Manuel, un empresario da construción que en épocas mellores controlou toda a cidade. Agora, á vellez, Tano ve como Manuel (Manuel de Blas) xa non pode levar a empresa e toda a estrutura se enfronta a un cambio xeracional, a nova xente, novos negocios, nova forma de levar a empresa, pero a mesma violencia de sempre.

“Hombre muerto no sabe vivir” rodouse en Málaga, Cádiz e Marbella. Producida por 73140323 PC, coa participación de Orange TV, é distribuída por Filmax, que tamén se encarga das vendas internacionais.