Cluster Audiovisual Galego

O novo talento audiovisual preséntase ante a industria galega no Pitching TFG 2018

17-12-2018

Santiago acolleu o pasado venres, día 14, a 2ª edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), organizada polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coas tres Universidades de Galicia, a través das facultades de Comunicación Audiovisual. Durante a xornada presentáronse 16 proxectos diante de empresas dos sectores audiovisual e TIC. 

A apertura deste foro, celebrado, co apoio do Igape, no Centro Abanca Obra Social de Compostela, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e do responsable do programa startups R DICo Challangue, Alberto Costas, iniciativa colaboradora coa segunda edición do Pitching TFG. 

Esta xornada busca poñer en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial galego. Ao igual que na edición anterior, os responsables dos proxectos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos co sector e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos mesmos. 

Nesta edición as entidades académicas seleccionaron un total de 16 Traballos Fin de Grao das Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. Entre os proxectos seleccionados, en diferentes fases de desenvolvemento, había diversos formatos de cine e televisión, como programas, series ou documentais, e tamén dixitais, como videoxogos ou apps. 

Os proxectos da Universidade de Santiago de Compostela presentados o pasado venres foron “Unha ponte ao outro lado do mar”, de Aitana Núñez-Torrón e Belén González; “Desenvolvemento da estratexia transmedia de `Fariña´”, de Alicia Ouro, Bea Castro, Begoña Pérez e Nuria Salgado; “A peregrina perdida”, de Nuria Cancela e Alba Pego; “Evasión”, de Duarte Galbán; “Argonauta: un modelo de negocio business to business”, de Rocío López, e “Patrimonio cultural storytelling xeorreferenciado”, de Laura Pose. 

Por parte da Universidade da Coruña expuxéronse os seguintes proxectos: “Discovering Finisterrae”, de Iria García; “A túa saúde, o prezo márcao a industria”, de Irene Mariño; “Moda Zero”, de Katherine Facenda, Andrea Fernández, Paula Ferro e Xulia Queijeiro, e “Mimomú”, de Nereida Rodríguez. 

Mentres que os traballos da Universidade de Vigo foron: “A casa de Osoburgo: preparación narrativa e visual dun proxecto de animación”, de Raquel Besteiro; “Brotes”, de Jorge Fernández, Laura Domínguez, Sara Bugallo e Laura María Pena; “Hotolur. Memoria de Deseño e Desenvolvemento pre-alpha dun videoxogo”, de Iago Sequeiros, Diego Oya e Brais Bello; “Retais – Que a parca me pille por sorpresa”, de Javier Lago; “O xogo do Trivial”, de Lorena Rodríguez, e “Cando mamá pechou as caixas”, de Arancha Álvarez. 

Colaboración de startups R 

Nesta segunda edición, contouse coa colaboración especial da compañía R, mediante o seu programa startups R DICo Challangue, a través do cal o operador galego de telecomunicacións se relaciona coa comunidade do audiovisual e doutros sectores para impulsar a innovación e as iniciativas emprendedoras. 

Froito desta colaboración, startups R convidou aos mellores proxectos da xornada a participar nun obradoiro de emprendemento que terá lugar no seu espazo, na Cidade da Cultura, en febreiro de 2019. Neste obradoiro, os participantes recibirán formación para mellorar as súas presentacións tipo Pitch e definir o modelo de negocio das súas propostas, segundo explicou Alberto Costas, quen anunciou ao final da xornada os proxectos seleccionados: “Desenvolvemento da estratexia transmedia de `Fariña”, “Discovering Finisterrae”, “Moda Zero” e “Mimomú”. 

No pitching, os responsables dos traballos contaron con 8 minutos para intentar captar o interese do auditorio, conformado por representantes dalgunhas das empresas máis destacadas dos sectores audiovisual e TIC galegos, como Adiviña Producións, Agallas Films, Congo Producciones, CTV, Ficción Producciones, Filmax, Imaxin Software, Productora Faro, R e Zenit Televisión

Ademais, esta segunda edición incluíu un speed dating no que os representantes dos traballos dispuxeron dun espazo de tempo para falar con cada unha das empresas participantes. A través destas reunións facilitouse un contacto directo no que os mozos tiveron ocasión de aportar información adicional e os produtores, etc. a súa opinión sobre o proxecto, ademais de fomentar a posible continuidade futura do contacto entre ambos. 

Trala rolda de presentacións, tamén se deron a coñecer os cinco proxectos mellor valorados polas empresas, ao consideralos como os que terían unha maior viabilidade no mercado. Os títulos máis votados foron: “Desenvolvemento da estratexia transmedia de `Fariña´”, “O xogo do Trivial”, “Mimomú”, “Retais – Que a parca me pille por sorpresa” e “Á túa saúde, o prezo márcao a industria”.