Cluster Audiovisual Galego

A serie de Portocabo “Vidago Palace” chega a Estados Unidos

30-11-2018

A serie “Vidago Palace”, producida pola socia Portocabo, regresa de Cannes tralo seu paso polo MIPCOM, o mercado de televisión máis importante do mundo, onde acaba de conseguir as súas primeiras vendas internacionais. A coprodución galego-portuguesa poderá verse en Estados Unidos da man da canle de televisión por cable Acorn TV, o servizo máis popular de streaming con contidos británicos e internacionais. Deste xeito, “Vidago Palace” convértese na primeira serie rodada en galego e portugués que será emitida no territorio norteamericano.

Esta non é a única venda que obtivo a ficción, que tamén se poderá ver na televisión de Polonia a través da canle pública Telewizja Polska. A distribuidora encargada de negociar a venda de dereitos da ficción, Banijay Rights, confirma que este é soamente o comezo do que se prevé como un próspero percorrido internacional.

O drama romántico “Vidago Palace” é a primeira serie coproducida entre TVG e RTP, as dúas canles públicas de Galicia e Portugal. Producida por Portocabo en colaboración coa produtora portuguesa Hop!, narra unha historia de amor imposible entre unha moza e un mozo de distintas clases sociais en pleno inicio da Guerra Civil e no idílico entorno do hotel de luxo Vidago Palace. A serie, emitida na primavera de 2017 cunha boa recepción en ambos territorios, forma parte dun acordo para establecer unha liña de produción entre ambas canles. Un acordo que sen dúbida se verá reforzado polo éxito de vendas de “Vidago Palace”.