Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual Galego participará na 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF)

29-11-2018

sábado 1 de decembro terá lugar un acto de presentación do Clúster Audiovisual Galego, no marco da 23ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Durante o encontro, que comezará ás 11:00 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o presidente do Clúster, Jorge Algora, exporá distintos proxectos e accións que ten en marcha a entidade en materia de innovación, internacionalización e dinamización do sector audiovisual galego.

Entre o 29 de novembro e o 5 de decembro celebrarase unha nova edición do festival ourensán, que ten como obxectivo promocionar en Galicia o cinema así como darlles visibilidade ás producións galegas. O programa do festival, que conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de Agadic, entre outros, inclúe arredor dun cento de títulos, entre longametraxes, curtas e series de televisión, de 17 países distintos, que se proxectarán en sete días. Na Sección Oficial figuran títulos de nove países e tamén destaca porque inclúe catro longametraxes rodadas por mulleres e outras catro óperas primas que vivirán no OUFF a súa estrea en Europa.

Os espazos que acollerán as proxeccións do  OUFF son cinco: o auditorio municipal, o Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Cine Clube Padre Feijoo, o Teatro Principal e o Liceo de Ourense.

En canto aos galardóns desta edición, o festival entregará o Calpurnia de Honra ao socio do Clúster Audiovisual Xavier Bermúdez, xornalista, director e guionista ourensán que traballou en títulos que se poderán ver durante o festival. Ademais o actor Luís Tosar, que cumpre vinte anos de carreira como intérprete, recibirá o Premio Ourense o 30 de novembro, día no que tamén se proxectará a película de Daniel Guzmán na que actúa, “A cambio de nada”. A actriz Mabel Rivera recibirá o premio AISGE a toda a traxectoria.

Programación da 23ª edición do OUFF