Cluster Audiovisual Galego

Produtores de toda España participan no "I+P Ideas para producir" en busca de negocio

21-11-2018

Pontevedra acolle hoxe, mércores, a celebración da 12ª edición do pitching “I+P Ideas para producir” na que participan máis dun cento de profesionais do audiovisual de toda España. 

O “I+P Ideas para producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Igape, e do Concello de Pontevedra, conecta proxectos audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento con canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel e ten como obxectivo favorecer acordos comerciais para a produción ou venda de novos proxectos.

O titular de Cultura e Turismo da Xunta, Román Rodríguez, clausurou esta mañá, no Pazo da Cultura, a 12ª edición do “I+P Ideas para producir”, a primeira que se celebra en Pontevedra. Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a utilidade desta xornada de pitchings e reunións personalizadas cara ao impulso e materialización de novos proxectos galegos de cinema e televisión.

Para o conselleiro, o encontro “I+P Ideas para Producir” é un dos mellores exemplos da dinámica de colaboración que a Xunta mantén co Clúster Audiovisual Galego e que se estende a "tres eixos de actividade: “a participación na construción das liñas principais de incentivo e promoción do sector, a cooperación nas misións de internacionalización e o deseño de actividades de formación continua”, detallou.

Ademais, Román Rodríguez aproveitou o foro para anunciar, en colaboración coas principais entidades profesionais do sector como o propio Clúster ou a Academia Galega do Audiovisual, a Xunta ten prevista a posta en marcha da Galicia Film Office co fin de promover as rodaxes na nosa Comunidade como xeito de aumentar a competitividade e de impulsar o emprego no sector.

Por outra banda, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Promoción de Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, foron os encargados de abrir esta xornada de exposición de proxectos audiovisuais. O presidente do Clúster aproveitou a ocasión para agradecerlle aos colaboradores  da presente edición o seu compromiso co formato. 

Durante a súa intervención, Jacobo Sutil destacou a positiva confluencia desta iniciativa con outras accións de apoio ao sector por parte da Consellería de Cultura e Turismo, en particular, coas convocatorias anuais de subvencións para o desenvolvemento de proxectos, a promoción do talento audiovisual e a produción e coprodución de obras para cinema e televisión.  

Mentres que Anabel Gulías aproveitou para animar aos produtores e directores a rodar na cidade pontevedresa e explicou a boa disposición por parte do concello para atraer rodaxes á cidade. 

Trala sesión de apertura, os responsables dos 17 proxectos seleccionados para participar no Pitching presentaron, en intervencións de dez minutos, os seus traballos diante de máis de vinte executivos do audiovisual que están a participar desde onte no “I+P Ideas para producir” en Pontevedra. 

Nesta edición interveñen no pitching RTVE, Mediaset España, Atresmedia, #0 de Movistar+, Grupo Euskaltel e as autonómicas CRTVG, TV3, EITB e Radiotelevisión Castilla-La Mancha. Tamén asisten a este encontro responsables de distribuidoras de primeiro nivel como Filmax, A Contracorriente Films ou DeAPlaneta, e de produtoras de renome como Plano a Plano, Arcadia Motion Pictures, Sr Mono ou Portocabo.

Máis de 200 encontros de negocios 

O “I+P Ideas para producir” prosegue pola tarde coa celebración de máis de 200 encontros bilaterais onde os responsables dos proxectos e as empresas poderán intercambiar impresións, ampliar a información dos traballos expostos pola mañá e establecer posibles contactos comerciais. En total, presentáronse 17 proxectos, entre os que se encontran longametraxes de ficción, documentais, e series e miniseries de televisión procedentes de toda España. 

Nesta ocasión o “I+P Ideas para Producir” conta ademais coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a plataforma Filmarket Hub, a Pontevedra Film Commission, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), as asociacións CREA e AGAG, Galicia Calidade, e co patrocinio das compañías Music Library e Gadisa. 

Pontevedra, como plató de rodaxe 

A presente edición do “I+P Ideas para producir” incluíu a realización, na tarde de onte, a realización de actividades promocionais co obxectivo de potenciar a cidade de Pontevedra e a súa contorna como un escenario ideal para a rodaxe de producións audiovisuais de cine e televisión. Así como unha recepción co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, quen acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, recibiu a delegación de executivos do audiovisual que están a participar no I+P.