Cluster Audiovisual Galego

O Clúster anuncia os 18 proxectos que participarán no "I+P, Ideas para Producir" 2022

04-11-2022

O Clúster Audiovisual Galego dá a coñecer os títulos dos 18 proxectos que conformarán a 16ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que se celebrará os días 1 e 2 de decembro na Coruña. 

Dos dezaoito proxectos deste ano, seis correspóndense cos proxectos que participan na primeira edición da incubadora I+P, INCUBA posta en marcha polo Clúster coa financiación do ICAA (Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais do Ministerio de Cultura) dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado polo Goberno de España e financiado con Fondos Europeos Next Generation EU. Estes traballos son: “Sonámbulo”, “Nexo”, “Cebra con lunares”, “As defensas”, “Juliette y Camille” e “Una de bravas”.

O resto de proxectos foron elixidos entre os máis de 150 traballos recibidos e analizados polo Comité de Selección que, nesta edición, estivo composto polos produtores Alberto Domínguez, Miguel Riaño e Roberto Alvite. 

Os traballos finalistas atópanse en distintas fases de desenvolvemento e inclúen longametraxes de ficción e documental; series de ficción, documentais e de animación; miniseries de ficción e un programa documental. 

A sesión de pitching e as reunións one to one celebraranse o venres 2 de decembro no Centro Ágora da Coruña e suporán unha excelente oportunidade para a venda, financiación, distribución e coprodución de contidos para cine e televisión. Os traballos serán presentados ante un auditorio formado por responsables de contidos de canles de televisión, plataformas, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel como RTVE,  Mediaset España, Atresmedia, Movistar Plus+, Amazon Studios, AMC Networks, CRTVG, TV3, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Warner Bros. Discovery, Motion Pictures Entertainment ou Portocabo, entre outras. 

Os 18 proxectos que participarán na 16ª edición do “I+P, Ideas para Producir” son:

“Sonámbulo”, longametraxe de ficción de Vaca Films.

“As defensas”, longametraxe de ficción de Cósmica Producións.

“Para ver o mar”, longametraxe de ficción de TEX45 Producións.

“Singular”, longametraxe de ficción de White Leaf Producciones.

“Azul 91”, longametraxe de ficción de Norte Catro Cinema.

“Balazos y palomitas”, longametraxe de ficción de Love Monster.

“Marma Rabbit Boy”, longametraxe de ficción de CSC Films.

“Juliette y Camille”, longametraxe documental de Sétima.

“Nexo”, serie de ficción de Voz Audiovisual.

“Una de bravas”, serie de ficción de Kaboga Films.

“Bou Eva”, longametraxe de ficción de Visioners Entertainment.

“Cebra con lunares (Polka dot Zebra)”, serie de animación de Xosé Zapata.

“Rebaño”, serie documental de Producións A Fonsagrada (Filmax).

“Paixón”, serie documental de Avendaño Estudio.

“El Perdón”, miniserie de ficción de Corte y Confección de Películas.

“Normal”, miniserie de ficción de Lidia Fraga.

“El rastro del Arropiero”, miniserie de ficción de Héctor Escandell.

“As orixes dos mitos galegos”, programa documental de Producciones Vigo – EISV.

Os proxectos de longametraxes e series en desenvolvemento seleccionados gozarán de maneira gratuíta dunha subscrición por tempo ilimitado no mercado online de Filmarket Hub, que ofrece a plataforma como empresa colaboradora do evento, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica. Obtendo unha maior visibilidade e novas oportunidades de atopar socios interesados nos seus proxectos e podendo acceder a outras empresas, ademais das que participen no Pitching.

Neste 2022 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Coa colaboración do Concello da Coruña, das asociacións CREA e AGAG, da plataforma Filmarket Hub e do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e co patrocinio de Galicia Calidade, Gadisa e das compañías Music Library & SFX e Cinetools.