Cluster Audiovisual Galego

Ración de zombis á galega no tráiler da primeira longametraxe de Melgo Cinema, “As tres vidas de María Santiso”

02-11-2022

“As tres vidas de María Santiso” é a primeira longametraxe levada a cabo pola nosa asociada Melgo Cinema, produtora que desenvolve proxectos en diversos formatos e xéneros na Coruña dende 2018. Supón a continuación da historia de “As tres caídas de María Santiso”, unha curtametraxe de comedia dramática protagonizada por Lucía Veiga que foi o seu primeiro traballo, na que abordaba a vida no rural e a soidade.

Esta curta vén de ser proxectada en Pozuel de Ariza (Zaragoza) como parte do V Ciclo nacional de cine e mulleres rurais.

“’As tres vidas de María Santiso’ é unha reviravolta ao tipo de proxectos que creamos en Melgo Cinema. Rodamos parte da longametraxe este verán e rematarémola en primavera, de cara a un lanzamento en outono de 2023”, avanza Roberto Alvite, actor, produtor, guionista e director coruñés.

A familia, a desmemoria e a incomunicación son os temas centrais neste traballo audiovisual, o cal foi rodado parcialmente este pasado mes de agosto en localizacións dos municipios de Oleiros e Cambre.

No tráiler estreado publicamente con motivo das celebracións arredor do Día dos Defuntos pódese intuír “o ton de serie B co que queremos abordar formalmente os vaivéns de María Santiso, unha muller que non está disposta a ser esquecida facilmente. Porén, no fondo, é unha historia dura que fala das nosas miserias como persoas e como sociedade. Os zombis son un espello no que é divertido mirarnos”, segundo explica Alvite.