Cluster Audiovisual Galego

A Televisión de Galicia producirá 27 proxectos nativos dixitais

31-10-2022

A CRTVG vai producir 27 proxectos no marco da convocatoria de selección de productos dixitais en lingua galega, resolta o pasado mércores 26 de outubro pola Comisión Directiva de Avaliación de Proxectos da Corporación.

Entre os seleccionados hai contidos de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment. Doce deles responden ao formato longo e para cuxa produción contarán con 20.000 euros cada un. Outros 19 foron seleccionados como microespazos e están dotados con 3.000 euros por proxecto. Todos eles teñen en común que están creados especificamente desde e para a contorna dixital, xa que os 27 proxectos serán emitidos a través das canles dixitais, páxina web e redes sociais dos medios públicos galegos.

Esta convocatoria, á que se presentaron 106 traballos, enmárcase na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos na contorna dixital e a súa relación co sector audiovisual. Este proxecto ten o obxectivo de promover a creatividade neste eido e procurar xeitos de produción de contidos multiplataforma e transmedia en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia, e dean cabida nos medios públicos a expresións artísticas netamente dixitais.

Na categoría de pezas de vídeo cunha duración máxima total de 50 minutos, aprobáronse os seguintes 12 proxectos:

O mellor tractor do mundo’, de A Revolta Producións, S.L., é un programa-concurso que busca o mellor tractor de Galicia. En cada capítulo preséntanse unha serie de participantes que amosarán as súas destrezas co seu tractor. Os usuarios serán os encargados de escoller semanalmente o seu tractor (e condutor) gañador.

Os Metarquivos’, de Xaime Miranda Méndez, é un programa de ciencia ficción para todos os públicos. A través de ilustracións, relátanse historias autoconclusivas que se ambientan en mundos fantásticos e futuros distópicos. Utilízase a intelixencia artificial na ilustración dos procesos de animación.

Os Xabaxogos’, de Iago Gordillo Trigo, é unha serie de vídeos dun minuto que descobren os videoxogos que xurdiron a partir das distintas series emitidas no Xabarín Club. Logo de introducir os datos clave sobre a serie orixinal, fala dos xogos máis importantes que se inspiraron nela nun formato de consumo fácil a través das redes sociais.

Rent-A-Pal’, de Iria Iglesias Martínez, é unha webserie dramática de tres episodios. Ao redor da idea de que todo se pode mercar, nesta ficción existe unha aplicación na que se alugan amigos. ‘Rent-A-Pal’ explora a soidade como un dos problemas fundamentais da sociedade actual.

A previa’, de Cristela Torres Nine, consistente nun talk-show transmedia vinculado á webserie 'Pringadas', premiada no festival Carballo Interplay. ‘A previa’ é o primeiro programa dixital sobre a vida universitaria galega no que as condutoras reflexionan sobre unha temática principal canda un convidado especial pertencente a unha facultade ou a un centro de formación distinto.

Furallolo@s’, de Kaito Estudios, S.L., é un proxecto de entretemento con clave humorística. Neste programa xúntanse famosos da contorna para que midan as súas habilidades aos mandos deste xogo ancestral: o futbolín. Ao tempo que se desenvolve o duelo, haberá conversas a través das que coñecelos máis fondamente. Os convidados loitarán por un premio en forma de doazón benéfica.

Incalculable’, de Xiana Fernández-Albor, proxecto no que a través de vídeos divulgativos nos que se combinan imaxes de alta definición con realidade aumentada, coñecerase en cada un unha especie animal galega: como vive, como sobrevive e como se relaciona. Apréndese cales son os beneficios que dá dita especie e intenta poñerlle prezo a ese traballo que a especie fai para nós, de aí o nome do programa.

Comedia de pé’, de Drapper & Sterling, S.L., é un proxecto de humor baseado no xénero stand-up comedy americano. Os programas expoñen os monólogos de humoristas de primeiro nivel do panorama galego actual.

Danza no foco’, de Margherita Morello (16 Thunders), é unha serie de cápsulas visuais onde intérpretes da danza contemporánea galega dialogan co espazo a partir dos textos dun tema musical en lingua galega, cuxas palabras animadas completan a coreografía.

San Simón, a colonia penal’ (5x6’), de Miramemira, S.L., é unha docuweb que achega a etapa histórica da illa de San Simón no momento que foi unha colonia penal. Localízase no tempo entre o inicio da Guerra Civil ata o ano 1943. O proxecto combina a narración audiovisual coa utilización de ferramentas de navegación en liña.

Nosoutras’, de Undodez, S.L., consiste nun proxecto cultural que, a través de vídeos divulgativos, intenta poñerlles nome a todas aquelas mulleres que destacaron historicamente no mundo da cultura en Galicia ou que foron abrindo camiño para as novas xeracións de creadoras.

Bechos’, de Undodez, S.L., é un proxecto infantil divulgativo con contido animado sobre o medio ambiente. Pretende sensibilizar os máis novos sobre as cuestións medioambientais inmediatas e actuais visibles en Galicia e máis aló. O obxectivo é concienciar sobre o futuro.

Na categoría de proxectos compostos por pezas de vídeo cunha duración máxima total de 10 minutos, aprobáronse os seguintes 15:

Se ti souberas’, de Xarda Sociedade Cooperativa Galega, que fala dos influencers galegos do pasado. Constrúe unha ponte interxeracional coa idea de que a mocidade coñeza as historias de galegos influentes, falando das súas historias e de curiosidades da vida social galega. Unha acción para superar o idadismo da sociedade actual.

Árbores en Galicia’, de Zero Entertaintment Galicia S.L., é un programa divulgativo que pretende axudar a identificar as árbores galegas e outras que conviven connosco aínda non sendo autóctonas. Os seus froitos, a súa madeira, as súas follas, como é o seu tronco, etc, así como a cultura popular arredor delas.

Terapia de parella’, de Kraken Media S.L., é unha ficción contada a través de redes sociais pertencente ao xénero da comedia. Nela amósanse tres parellas de idades diferentes, procedencias e xéneros, que acoden á consulta dunha terapeuta para tratar de salvar as súas relacións. Serán os usuarios quen decidan o destino desas parellas ao final de cada capítulo.

Sabías que’, de Coven Films, S.L., é un proxecto divulgativo a través do cal se pretende achegar curiosidades (tradicións, eventos singulares ou acontecementos históricos) de diferentes lugares da xeografía galega.

Paradas no camiño’, de Cristina Martínez Rodríguez, é un programa dixital que pretende amosar a gran riqueza do Camiño de Santiago. Dá consellos, información útil sobre os lugares e recomendacións das mellores opcións gastronómicas.

Tres cousas tres’, de Víctor Grande Estévez, é un proxecto divulgativo que informa a través de vídeos de menos dun minuto sobre tres cousas curiosas dunha temática concreta de interese galego.

A ghavota’, de Margherita Morello (16 Thunders), é unha webserie que conta a historia da primeira e última fareira rockeira do cabo Touriñán. Pretende ser un conto visual que une a tradición mariñeira coa música.

Historias moi pequenas’, de Javier Santos Díaz, é un proxecto divulgativo que a través de vídeos conta curiosidades e a historia dos pequenos obxectos que nos rodean no día a día. Inclúe elementos complementarios nunha estratexia dixital.

Historia da historia’, de Miraveo Assets, S.L., é un proxecto divulgativo que pretende ensinar algo novo de forma rápida e sinxela ao contar datos descoñecidos sobre o pasado de Galicia en vídeos de dous minutos.

Coñece o mar, con Rogelio Santos’, de M International Audiovisual Comunication, S.L., é un proxecto divulgativo centrado na figura ('influencer' do mar) de Rogelio Santos. Este mariñeiro de Porto do Son axuda a coñecer mellor o mar e todo o que ofrecen as augas galegas.

Nada por alá’, de M International Audiovisual Comunication, S.L., é un proxecto de entretemento no que o mago David Maestro executa números de maxia a través de vídeos curtos.

As cousas do choio’, da Asociación Merenda Creativa, consiste nunha canle dun ‘falso youtubeiro’ chamado Juan ‘o Choio’, de oitenta anos. Nos seus vídeos conta útiles ensinanzas empregando o sentido do humor e a sabedoría popular.

Vida salvaxe’, de Tamboura Films, S.L.U., é un proxecto divulgativo sobre a fauna salvaxe galega. Nel dáse a coñecer persoas que investigan estas especies e que contan como as estudan e cal é a importancia da súa conservación.

Agora cantamos nós’, da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte Nas Ondas, é un proxecto de micropezas divulgativas coas que se pretende dar a coñecer o traballo desenvolvido por 17 centros educativos de Galicia e Portugal e 16 artistas colaboradores dentro do proxecto Meniños Cantores.

Xeración 0’, de Neo ZK Media, S.L.U., é un proxecto divulgativo sobre medio ambiente. Nel xúntase unha conglomeración de ideas e consellos que axudan a reducir os residuos contaminantes para este planeta.