Cluster Audiovisual Galego

O Santo Apóstolo combina a inmigración e o medio ambiente na docuficción sobre o Camiño Inglés “O noso pasar: a nosa natureza”, de Roberto Alvite

27-09-2022

“O noso pasar: A nosa natureza” é un proxecto audiovisual do noso asociado Roberto Alvite, de Melgo Cinema, que forma parte do programa “O Teu Xacobeo” da Xunta de Galicia, que pretende fomentar a participación de todos os galegos para seguir construíndo unha cultura común sobre “O Camiño”. Trátase da maior convocatoria aberta da historia desta comunidade autónoma.

“’O noso pasar’ é un universo de proxectos transmedia que irán producindo en Melgo Cinema ao longo dos próximos anos, ata rematar no Xacobeo 2027: unha docuficción, un proxecto de realidade virtual, un videoxogo e unha miniserie de ficción. Neste proxecto dou vida á personaxe central, Santi, unha interpretación libre do Apóstolo Santiago” explica Roberto Alvite, actor, produtor, guionista e director coruñés.

O medio ambiente, a inmigración e “O Camiño Inglés” son os temas centrais neste traballo audiovisual que foi rodado a pasada fin de semana en localizacións dos municipios coruñeses de Miño, Paderne e Betanzos, tres localidades que forman parte deste “Camiño”. Esta docuficción “combina fantasía con traxicomedia nun tono satírico que quere facer ver que non estamos por enriba do planeta en ningún caso, e que hai realidades sorprendentes máis aló do que vemos a simple vista”, segundo explica Alvite.

Dúas voluntarias e dous voluntarios de distintas nacionalidades que agora residen na provincia da Coruña uníronse neste proxecto: un mozo ucraíno, outro colombiano e dúas mulleres venezolanas. Explicarán á cidadanía dunha forma fresca e honesta a súa chegada a Galicia, así como a súa relación co medio e co Camiño de Santiago.

"O noso pasar: A nosa natureza" tamén quere poñer en valor a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e As Terras do Mandeo, consideradas espazos protexidos. Aborda o maltrato aos recursos naturais comúns en Galicia e busca concienciar a favor da conservación do patrimonio galego e do medio ambiente. Obxectivos que se enmarcan dentro da liña social que promove a produtora Melgo Cinema en todas as súas propostas.

Que é o “Camiño Inglés”?

Desde os países escandinavos, e sobre todo desde Inglaterra, Escocia, Irlanda e Flandes, na actual Bélxica, contribuíron a fixar o que hoxe coñecemos como o “Camiño Inglés”. Chegaban a Galicia por mar desde os sus respectivos portos, e arribaban a Ferrol ou A Coruña, e tamén a Viveiro ou Ribadeo, na Mariña Lucense. A estratéxica ubicación dos portos desas dúas importantes cidades galegas potenciou de maneira evidente a ruta. “O Camiño Inglés” conta en Galicia con dúas alternativas; desde A Coruña, máis curta con 73 quilometros, e a que parte desde Ferrol con 112,5 quilómetros.

Quen é Roberto Alvite?

Roberto Alvite traballa como produtor executivo, guionista e director en Melgo Cinema, a súa propia produtora audiovisual coa que crea proxectos variados de ficción que teñen en común unha liña social. A súa ópera prima é “As tres caídas de María Santiso”, unha curtametraxe de comedia dramática protagonizada por Lucía Veiga en distribución, gañadora do Premio del Público á Mellor Película Galega na súa estrea en Galicia na 41 Semana de Cine de Lugo. O seu lanzamento máis recente foi “Ti Primeiro”, unha novela visual romántica e interactiva dispoñible para móbiles iOS e Android e descargada en máis de 30 países de todo o mundo.

Diplomado en Educación Social pola Universidade da Coruña, adéntrase no eido audiovisual no ano 2015 para formarse en interpretación. A súa experiencia profesional como actor inclúe películas como “Tres”, dirixida por Juanjo Giménez, e “Elisa y Marcela”, dirixida por Isabel Coixet, aparte de series de televisión como “Vivir sin permiso”, “Serramoura” e “El final del camino”.

Que é “O Teu Xacobeo”?

Froito do carácter participativo do “Camiño de Santiago” nace “O teu Xacobeo”, un programa de axudas especificas para a dinamización sociocultural do “Camiño” e a promoción do Xacobeo 21-22. Este programa reflicte o carácter participativo, diverso, descentralizado e sostible deste evento, xa que permite que todos os axentes da sociedade participen activamente no Ano Santo. É a propia cidadanía quen deseña a programación a través das súas propostas.