Cluster Audiovisual Galego

"O corpo aberto", dirixida por Ángeles Huerta e protagonizada por Tamar Novas, Victoria Guerra e María Vázquez, estrearase en cines o 9 de decembro

23-09-2022

O próximo 9 de decembro estrearase en cines "Cuerpo abierto" ("O corpo aberto") da man de Filmax, unha película dirixida por Ángeles Huerta (Esquece Monelos) e protagonizada por Tamar Novas (El desorden que dejas; Fariña), Victoria Guerra (Auga seca) e María Vázquez (Quien a hierro mata; Cuñados). Completan o reparto Federico Pérez (Cuñados), Elena Seijo (Elisa y Marcela) e Miquel Ínsua (O sabor das margaridas), entre outros.

O guión é obra da directora xunto a Daniel D. García. A película conta coa banda sonora da artista galega Mercedes Peón.
 

Por outra parte, a película foi seleccionada para participar na 27 edición de Ourense Film Festival (OUFF), onde se presentará o próximo domingo, 25 de setembro, dentro da sección oficial. Previamente a película presentouse en MotelX, Festival Internacional de Cine de Terror de Lisboa, onde tivo lugar a estrea mundial da película, dentro da sección oficial a competición.

"O corpo aberto" é unha longametraxe de terror folk baseada nun relato do escritor galego Xosé Luis Méndez Ferrín, un dos autores máis  importantes e representativos da literatura galega contemporánea.  Narra a historia dun mestro que, a comezos do século XX, recibe como primeiro destino Lobosandaus, unha pequena localidade da "raia seca", na fronteira entre Galicia e Portugal. Nada máis chegar percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá da poboación deste estrano e abrupto lugar. Pero o profesor  enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, a unha crenza común da poboación local: o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos.

Os límites, as "raias" ou liñas que separan o mundo dos mortos e dos vivos, o xénero, a identidade ou o poder evocador da tradición e o folclore serán algúns dos eixos que atravesen a película. 

Sinopse 

1909. Miguel, un xoven profesor, é destinado a unha pequena vila de montaña na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un home de razón, pero non pode controlar os seus desexos paixonais e, conforme se achega o inverno, sinte como a escuridade se apodera de todo ao seu arredor ao tempo que crece a súa fascinación porl enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estrana morte dun veciño da vila libera a un espírito libre en busca duna corpo que lle permita seguir coa súa existencia, que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e dos mortos.  

"O corpo aberto" rodouse integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense. 

"O corpo aberto" é unha coprodución hispano-lusa entre a compañía socia do Clúster OlloVivo (Galicia), Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal) e conta co apoio de Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Goberno de España a través do Instituto de la Cinematografía y Artes Visuales (ICAA). A longametraxe conta tamén coa participación de RTVE Televisión de Galicia, e será distribuída por Filmax nacional e internacionalmente.