Cluster Audiovisual Galego

Executivos de cine e televisión participarán no "I+P, Ideas para Producir" 2022

20-09-2022

O “I+P, Ideas para Producir” confirmou ata a data a participación de máis dunha ducia de canles de televisión, plataformas e distribuidoras en busca de novas ideas e produtos audiovisuais. Organizado polo Clúster Audiovisual Galego, o evento celebrarase os días 1 e 2 de decembro na Coruña.                                                                                        

A xornada de presentación de proxectos audiovisuais e encontros one-to-one terá lugar o 2 de decembro, e contará coa asistencia de executivos de cine e televisión das cadeas e plataformas RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, AMC Networks, CRTVG, TV 3, Canal Sur, Aragón TV, así como das distribuidoras Filmax, A Contracorriente Films ou DeAPlaneta, entre outras. 

Rexistro de proxectos 

As empresas e os profesionais do audiovisual interesados en participar nesta xornada poden inscribirse ata o día 30 de setembro. Para elo teñen que enviar o formulario online dispoñible na páxina web do Clúster (https://www.clusteraudiovisualgalego.com/inscripciones/). A partir do día 1 de novembro a organización comunicaralle aos seus responsables os proxectos seleccionados para participar no pitching. 

Neste 2022 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Coa colaboración das asociacións CREA e AGAG, da plataforma Filmarket Hub e do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA), e co patrocinio de Gadisa e da compañía Music Library & SFX. 

Colaboración con Filmarket Hub 

A plataforma online de proxectos audiovisuais Filmarket Hub mantén a colaboración co “I+P, Ideas para Producir” apoiando os traballos que se presenten no foro. De maneira que as longametraxes e as series en desenvolvemento desta 16ª edición gozarán dunha subscrición no mercado online da plataforma, onde poderán potenciar a súa visibilidade e conectar con toda unha rede de produtores e empresas de Europa e Latinoamérica.