Cluster Audiovisual Galego

REDCAU celebra a súa Asemblea Xeral e incorpora ao Clúster Audiovisual de Aragón

20-09-2022

Rede Española de Clústeres Audiovisuais (REDCAU) celebra en San Sebastián a súa Asemblea Xeral e incorpora como membro da entidade ao Clúster Audiovisual de Aragón, que se suma aos socios fundadores desta Rede: Clúster Audiovisual Galego, Clúster Audiovisual de Catalunya, Clúster Audiovisual e de Contidos de Euskadi (EIKEN), Clúster Audiovisual de Navarra (CLAVNA) e Clúster Audiovisual de Canarias. 

Unha representación de REDCAU, encabezada pola súa presidenta, Rosa García Loire, e conformada polos presidentes e os xerentes de todos os clústeres que integran a Rede, participaron esta fin de semana en Donostia en varias reunións de traballo e actos celebrados no marco do 70 Festival de San Sebastián. 

Asemblea Xeral e novo socio 

Precisamente o festival donostiarra foi o marco que albergou, este domingo 18 de setembro, a celebración da Asemblea Xeral de REDCAU, na que os socios ratificaron a incorporación do Clúster Audiovisual de Aragón, presidido por Adriana Oliveros, á Xunta Directiva da entidade. O recentemente constituido clúster aragonés compón e representa as principais empresas da comunidade autónoma. 

Green Shooting 

A Asemblea tamén avanzou no acordo de colaboración coa Spain Film Commission para o desenvolvemento dun proxecto de caracterización das rodaxes en España en base a criterios de sostibilidade. 

Ademais, durante a reunión deuselle a consideración de proxecto estratéxico para a industria audiovisual española ao proxecto da Rede de Nodos, que consiste en interconectar as distintas infraestruturas audiovisuais actuais e futuras do estado. Así mesmo, concretáronse avances na definición das fortalezas das interrelacións entre as comunidades autónomas a través dunha especialización funcional. Entre os principais obxectivos da REDCAU está impulsando a cooperación nacional do sector audiovisual xerando alianzas e sinerxías que incrementen a competitividade das empresas. Para contribuír a esta colaboración entre territorios propiciarase un foro no que as empresas das distintas autonomías poidan coñecerse e expoñer os seus puntos fortes. 

Outro dos asuntos abordados pola Asemblea foi a posta en valor dos proxectos de I+D+i no ámbito audiovisual nos que están traballando os distintos clústeres (medición de audiencias, etc.), co propósito de poder establecer colaboracións entre os membros da Rede nos proxectos que xa están en marcha, así ccomo de impulsar a estruturación doutros novos. 

Sobre REDCAU 

REDCAU nace pola unión de cinco clústeres audiovisuais que representan a máis de 700 empresas, entidades e asociacións de Galicia, Cataluña, País Vasco, Navarra e Canarias. Todas elas rexións cunha alta concentración de industria audiovisual e, polo tanto, rexións clave para o desenvolvemento do sector audiovisual en España. E que agora vén de incorporar a Aragón

Os clústeres audiovisuais son axentes á construción e vertebración dos sectores audiovisuais nas súas áreas de influencia xa que abordan a industria en toda a súa transversalidade e ao longo de toda a cadea de valor, son importantes na dinamización do talento audiovisual e na internacionalización, dixitalización e modernización das empresas.

Entre os retos a afrontar, a Rede Española de Clústeres Audiovisuais fixa como prioridade a distribución dos recursos industriais por todo o territorio, fomentando a colaboración interterritorial e a dixitalización. Outro dos desafíos é o estimular a colaboración público-privada para alcanzar posicións de liderazgo europeo, así como articular instrumentos de financiación que incentiven a xeración de contidos no territorio.