Cluster Audiovisual Galego

R patrocina, un ano máis, o premio á mellor curtametraxe galega na 15ª edición do FICBUEU

16-09-2022

R entregará este sábado 17 o galardón “Galicia R” á mellor curtametraxe galega do FICBUEU, Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se ten convertido nun dos máis importantes alicientes culturais da localidade pontevedresa e referente do sector audiovisual tanto autóctono como foráneo.

A aposta de R polo desenvolvemento socio-cultural de Galicia mantense intacta dende o inicio da súa andaina e excede as fronteiras do meramente tecnolóxico. De feito, o acordo de colaboración entre R e o FICBUEU responde, xunto a outras motivacións, ao desexo de ratificar ese apoio á cultura galega en todas as súas dimensións, incluídas, como neste caso, a produción e iniciativas audiovisuais do país.

Fontes da dirección do FICBUEU aseguran que “o patrocinio dunha empresa privada recoñecida e destacada pola súa traxectoria a un evento cultural das características do FICBUEU mostra a súa confianza cada ano neste festival que, durante os últimos quince, foi medrando de xeito progresivo e sostible, internacionalizándose e ampliando a súa programación e público”. Nesta liña, a organización agradece “o continuado apoio de R non só ao desenvolvemento do certame, senón tamén á cultura audiovisual galega en xeral”.

O director de R, Alfredo Ramos, considera que “a nosa misión vai máis aló de dotar cos mellores servizos de telecomunicacións os fogares e as empresas de Galicia. Xunto a esa, unha das nosas grandes metas, conviven outras como a responsabilidade de R para co tecido social e cultural de Galicia, apoiando iniciativas de calidade que nos enriquecen e favorecen o desenvolvemento e o avance da nosa terra. 

Por iso estamos outra vez aquí, apoiando o FICBUEU que, como outros moitos proxectos culturais, vive este ano un momento cheo de posibilidades tras liberarse das ataduras da pandemia, que por fortuna, xa van quedando atrás”.

Catro curtametraxes producidas en Galicia ou por galegos/as

As curtametraxes galegas que optan ao premio “Galicia R” son traballos desenvolvidos na comunidade e/ou por directores/as galegos/as no último ano. Nesta 15ª edición do FICBUEU compiten polo galardón catro curtas enmarcadas na sección “Galicia R”, que se desenvolverá o sábado 17 ás 19:00 h.

O xurado terá nesta ocasión que decidirse por algunha das seguintes creacións audiovisuais de metraxe curta: “O niño dos paxaros” (2021), de Lucía Estévez; “El sembrador de estrellas”/”O sembrador de estrelas” (2022), de Lois Patiño; “Rompente” (2022) de Eloy Domínguez Serén, e “Así vendrá la noche”/ “Así virá a noite” (2022), de Ángel Santos.

A organización do FICBUEU destaca tamén que “a través do Premio e da sección “Galicia R” preténdese prestar unha especial atención e valorar ao audiovisual realizado na nosa comunidade autónoma. Desta maneira, achegamos o público ao cine en formato curto feito en Galicia, moitas veces descoñecido ou pouco valorado”.

Alfredo Ramos entregará o premio “Galicia R” no acto do FICBUEU 2022, que comezará ás 21:15 h do mesmo sábado 17. Ao encontro asistirán os autores e as autoras que teñan formado parte desta décimo quinta edición do Festival e os/as integrantes dos distintos xurados das seis categorías concorrentes: Primeiro Premio, Segundo Premio, Premio do Público, Premio Descubertas, Premio R á mellor curtametraxe galega e Premio á mellor curtametraxe española.

14 días de actividade intensa: proxeccións, coloquios, música e máis cousas

O certame está a desenvolver, dende o pasado 11 de setembro, unha intensa actividade que inclúe 10 seccións de proxección, máis de 100 curtametraxes internacionais, coloquios con cineastas, mesas redondas, charlas, encontros, premios e concertos. O MiniFIC, cunha programación especial pensada para pequenos/as e centros escolares, e as Xornadas Cinematográficas, centradas en charlas de profesionais recoñecidos/as do sector, son outros dous reclamos máis desta potente edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu que se pechará o próximo 24 de setembro.