Cluster Audiovisual Galego

O Clúster Audiovisual Galego e a Deputación da Coruña presentarán unha candidatura conxunta á convocatoria de axudas para infraestruturas do ecosistema dixital audiovisual do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

16-09-2022

O presidente e a xerente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora e Mar Varela, reuníronse co deputado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible, José Ramón Rioboo na sede da Deputación da Coruña co fin de perfilar a presentación dunha candidatura á convocatoria de Axudas para infraestruturas do ecosistema dixital audiovisual, enmarcadas dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.

Esta convocatoria de axudas destinará 24.813.295 euros á creación ou mellora de ecosistemas dixitais no sector audiovisual poñendo á disposición das Peme deste sector a tecnoloxía máis avanzada para superar as súas barreiras dixitais e emprender os seus novos proxectos.

O apoio ás Peme materializarase, ben mediante explotación directa polas entidades locais do espazo destinado a estes ecosistemas ou ben mediante a correspondente convocatoria de concesión a empresas que asuman o compromiso de apertura no servizo a todas as Peme do sector.

As actividades ou subproxectos financiados ao abeiro destas axudas deberán facer uso intensivo das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC) e encadrarse nalgún dos seguintes eidos de coñecemento científico tecnolóxico:

- Tecnoloxías vinculadas á produción, posprodución e edición de contidos audiovisuais, incluídos videoxogos e e-sports.

- Tecnoloxías para a creación, explotación e distribución de contidos inmersivos,incluíndo realidade aumentada, realidade virtual e realidade mixta.

- Outras tecnoloxías susceptibles de seren empregadas no proceso de creación, explotación, distribución ou comercialización de contidos audiovisuais, incluídos videoxogos e e-sports.

- Tecnoloxías de comunicacións e seguridade informática destinadas ao entorno de traballo e/ou laboratorio no que se empreguen as tecnoloxías mencionadas nos puntos anteriores.

Entre os gastos subvencionables por esta convocatoria atópanse a adquisición, instalación, posta en marcha e capacitación no uso de ferramentas dixitais para a automatización dos procesos de produción audiovisual, de ferramentas dixitais para a creación e desenvolvemento de contidos audiovisuais e dixitais, de ferramentas dixitais para a difusión e explotación das producións e de tecnoloxías de comunicacións, seguridade ou de propósito xeral destinadas en exclusiva aos fins do proxecto, así como os gastos de persoal contratado exclusivamente para a realización e execución da actuación ou subproxecto e o deseño e desenvolvemento de materiais promocionais, tamén vinculados á actuación.

A convocatoria establece que os orzamentos de gasto poderán oscilar entre os 5 e os 10 millóns de euros, dos cales as entidades locais beneficiarias deberán cofinanciar como mínimo o 10%. Ademais establécese que os fondos aportados polas entidades beneficiarias poderán destinarse a gastos necesarios para o desenvolvemento do proxecto que non resulten subvencionables ao abeiro da convocatoria. 

As axudas enmárcanse dentro dos investimentos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do goberno, que inclúe o desenvolvemento do SpainHub Audiovisual para a modernización e dixitalización do sector audiovisual. Este programa forma parte do Plan España Hub Audiovisual de Europa, un dos eixos da axenda España Dixital dotado con 1.600 millóns de euros de investimento ata 2025.