Cluster Audiovisual Galego

Seleccionados os seis proxectos da 1ª edición de I+P, INCUBA

29-07-2022

I+P, INCUBA, a incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, seleccionou os seis proxectos que participarán na súa primeira edición. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría.  

Os seis proxectos finalistas foron elixidos, entre os máis dos cen recibidos, por un Comité de Selección integrado por Lidia Fraga, guionista e realizadora; Alicia López, coordinadora de contidos en The Mediapro e profesora e mentora de desenvolvemento no Máster de Guión da Universidade Complutense de Madrid e The Mediapro Studio, e Finocha Formoso, profesora na facultade de Ciencias da Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña. 

Entre os proxectos participantes nesta primeira edición están dúas longametraxes de ficción, unha longametraxe documental, dúas series de ficción e unha serie de animación. Cada proxecto recibirá unha dotación de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento. 

Proxectos seleccionados para I+P, INCUBA 2022: 

Longametraxes de ficción:

Sonámbulo, de Vaca Films Studio.

As defensas, de Nati Juncal (Cósmica Producións).

Longametraxe documental:

Juliette y Camille, de Anxos Fazáns e Silvia Fuentes. 

Series de ficción:

NEXO, de Voz Audiovisual.

Una de bravas, de Anna M. Bofarull. 

Serie de animación:

Cebra con Lunares (Polka dot Zebra), de Xosé Zapata. 

Os participantes no programa de incubación asistirán a sesións presenciais na Coruña e sesións online, que se celebrarán entre os próximos meses de setembro e novembro. Ao finalizar a incubación os seis proxectos presentaranse en decembro no pitching “I+P, Idea para Producir”. 

I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos fondos Next Generation da Unión Europea.