Cluster Audiovisual Galego

O Clúster conclúe o seu proxecto de transcrición e subtitulado automático ao galego: TILGAL

22-07-2022

O Clúster Audiovisual Galego vén de desenvolver o proxecto TILGAL: Ferramenta de Transcrición e Subtitulado Automático ao Galego, xunto ás empresas socias Adivina Producciones, CRTVG, Setemedia Producciones Audiovisuales e Voz audiovisual, así como ao Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) do centro de investigación AtlanTTic da Universidade de Vigo e á empresa imaxin|software. Esta iniciativa permitiu validar o estado actual da tecnoloxía de recoñecemento automático da fala para a elaboración de subtítulos de produtos audiovisuais en galego.

O proxecto TILGAL consistiu na realización dun estudo de viabilidade para definir as necesidades da industria audiovisual galega para afrontar o proceso de subtitulado nesta lingua e para o futuro desenvolvemento dunha ferramenta automatizada de transcrición e subtitulado ao galego, que permita incrementar a  competitividade  mediante  a redución   do   tempo   dedicado  á   transcrición  e   subtitulado, e a  implementación  de tecnoloxía innovadora que lles aporte ás  empresas  unha  serie  de  vantaxes  competitivas ata agora  inexistentes no sector.

TILGAL enmárcase na liña estratéxica de innovación e transformación dixital dentro do Plan Estratéxico do Clúster para o período 2022-2025, a través da que se busca un dobre obxectivo, por unha banda, impulsar os proxectos colaborativos de innovación dentro do sector audiovisual galego e pola outra a mellora tecnolóxica 4.0. Neste sentido, o proxecto está aliñado, a  nivel  autonómico,  coa Axenda  de  Competitividade IndustriaGalicia 4.0 e, a nivel nacional, coa Axenda España Dixital  2025.

Este proxecto foi financiado polo programa de apoio ás Agrupacións Empresariais Innovadoras (AEI) do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo na súa segunda convocatoria de 2021. E conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.