Cluster Audiovisual Galego

A curtametraxe “The Monkey” inaugura o Bogotá Audiovisual Market (BAM)

18-07-2022

A curtametraxe “The Monkey”, dirixida polo noso socio Xosé Zapata e por Lorenzo Degl´Innocenti, foi a convidada a inaugurar o BAM (Bogotá Audiovisual Market) coa súa proxección na cerimonia de apertura do mercado celebrada na Cinemateca de Bogotá.

Organizado pola Cámara de Comercio de Bogotá e o Ministerio de Cultura de Colombia (Proimágenes), o BAM é unha cita moi importante no calendario de eventos cinematográficos de Sudámerica, con máis de 1.000 acreditados e coa presenza destacada de países como Colombia, México, Estados Unidos, Perú, Chile ou España.

“The Monkey”, recentemente gañador do Premio a Mellor Curtametraxe no festival Mundos Digitales (A Coruña), foi proxectado ante os 300 convidados á inauguración, xunto á curtametraxe colombiana “Reparaciones” do cineasta Wilson Borja, que obtivo o galardón a mellor curta na sección “Perspectives” no recente Festival de Animación de Annecy, o máis importante do mundo.

Segundo o director do evento, Carlos Moreno: “Estas dúas curtametraxes demostran a variedade e puxanza do cine de animación latinoamericano que con poucos medios e moita imaxinación é capaz de desenvolver proxectos de éxito internacional”.

No acto de inauguración estiveron presentes os directores Xosé Zapata e Wilson Borja para debatir sobre as súas curtametraxes e tratar aspectos visuais de ambas producións. Xosé Zapata tamén participou en debates e charlas durante os tres días nos que se celebrou o BAM na cidade de Bogotá onde presentou por primeira vez en Sudamerica “The Monkey”.

Esta curtametraxe, que foi estreada en Norteamérica nos festivais de Vancouver e Sant Louis, foi seleccionada nun dos festivais máis prestixiosos do mundo en Stuttgart, “The Monkey” é xa o representante de España e está cualificado para a presente edición dos Premios Oscar ao ser a curtametraxe gañadora do Goya 2022.