Cluster Audiovisual Galego

Unha delegación de empresas do audiovisual galego, promovida polo Clúster, participou no Celtic Media Festival 2022

10-06-2022

As compañías Setemedia, Producións A Fonsagrada (Filmax), Ficción Producciones e Kairos conformaron a delegación empresarial promovida polo Clúster Audiovisual Galego no Celtic Media Festival 2022, celebrado esta semana na Bretaña francesa, e no que tamén participou a socia do Clúster Televisión de Galicia. Este certame promove a cultura e linguas dos países celtas en cine, televisión, radio e novos medios de comunicación.

O Clúster contribuíu a reforzar a marca Galicia como referente dentro do sector audiovisual español e a potenciar a industria galega a nivel internacional a través desta misión directa ao Celtic Media Festival.

Nesta edición, os Premios internacionais Celtic Media outorgaron dous galardóns ao audiovisual galego. O espazo do prime time da TVG “Malicia Noticias”, producido pola socia do Clúster Setemedia, resultou premiado neste festival, na categoría de Comedia. O noticiario de humor da Galega superou as outras tres finalistas, producións da BBC Escocia, S4C Gales e BBC Irlanda do Norte. Ademais, “Ons”, a coprodución galego-portuguesa de Alfonso Zarauza en que participa a Televisión de Galicia, fíxose coa distinción de mellor longametraxe (Single Drama –over 30 mins-).

O certame contou coa presenza de Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, e de Montse Besada, xefa de Contidos da TVG, en representación dos medios públicos galegos. O Celtic Media Festival ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.