Cluster Audiovisual Galego

O noticiario de humor da Galega “Malicia Noticias”, producido por Setemedia, gañador nos premios europeos Celtic Media 2022

09-06-2022

O espazo da Televisión de Galicia ‘Malicia Noticias’, producido pola nosa asociada Setemedia, resultou premiado na tarde de onte no Celtic Media Festival 2022, que se está celebrando na Bretaña francesa, na categoría de Comedia. O noticiario de humor da Galega superou as outras tres finalistas, producións da BBC Escocia, S4C Gales e BBC Irlanda do Norte.

Os Celtic Media recoñeceron no apartado de Comedia este programa que ofrece, de domingo a mércores, unha divertida e tola volta á actualidade, con Arturo Fernández, Lucía Veiga, Pepe Capelán, Noelia Rei, Brais Doval, Oswaldo Digón, Rocío Candal, Belén Vara Antonio Mosquera á fronte. O galardón foi recollido na gala por Alberto Domínguez, en representación da produtora Setemedia, que realiza o programa para a TVG, e Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG.
    
Ademais destes galardóns, a CRTVG asiste a esta fase final dos Premios Celtic Media 2022 con outras oito candidaturas, que se resolverán hoxe, xoves, no transcurso dunha gala. Neste senso, a Galega é finalista co espazo de fomento do uso do galego #DígochoEu, nas candidaturas de Formato curto e Espírito do Festival; con ‘Cos pés na terra’ (Factual series ou feitos reais); a coprodución galego-portuguesa ‘Ons’ (Longametraxe); con ‘O gran Camiño’ (Documental); a produción internacional ‘3 camiños’, participada pola TVG (Series); a Radio Galega (mellor emisora do ano), e co locutor Marcial Mouzo (mellor presentador de radio).

O prestixioso Celtic Media Festival, que promove a cultura e linguas dos países celtas nos ámbitos do cinema, a televisión, a radio e os novos medios de comunicación, ten lugar desde hai 43 anos de forma rotatoria entre Irlanda, Escocia, Gales, Illa de Man, Cornualles e a Bretaña francesa.