Cluster Audiovisual Galego

O Clúster abre as convocatorias para o novo I+P, INCUBA e para o I+P, IDEAS PARA PRODUCIR

03-06-2022

O Clúster Audiovisual Galego lanzou as convocatorias para rexistrar proxectos para a 1ª edición de I+P, INCUBA, a nova incubadora do Clúster, e para a 16ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”. 

I+P INCUBA, a nova incubadora do Clúster 

A incubadora de proxectos de cine e televisión I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participarán profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría.   

A convocatoria desta primeira edición estará aberta ata o 4 de xullo de 2022, ás 14:00 horas, e busca a incubación de proxectos audiovisuais, que traballarán de forma colectiva e individual con expertos de recoñecido prestixio nas áreas de guión, produción e distribución. 

Así, un equipo de expertos, profesionais de ampla traxectoria profesional no sector audiovisual como os directores, guionistas e produtores Fran Araujo (Hierro, La Peste), Carlos Bleycher (Alice´s Diary, La Granja de Turu, Pocoyó), Alberto Marini (serie Apagón de MovistarPlus+, El desconocido, Mientras duermes, Pulseras Rojas), David Muñoz (Los favoritos de Midas, Alatriste, El espiazo del diablo), Pepe Coira (Rapa, Hierro, Cuñados) ou Alberto Guntín (Método criminal, Serramoura, Matalobos), entre outros, asesorarán aos participantes e orientarán os seus proxectos.

Quen pode participar e como rexistrar proxectos 

Poderán inscribirse proxectos de produtores con domicilio social ou residencia en España que conten no seu equipo de traballo con polo menos un guionista. A través desta convocatoria apoiaranse seis proxectos audiovisuais: tres longametraxes de ficción ou documental, dúas series de ficción ou documental e unha longametraxe ou serie de animación.  

Nas Bases da primeira edición do I+P, INCUBA figuran as condicións para poder participar neste programa de incubación, e estas están dispoñibles, xunto ao Formulario de inscrición, nesta ligazón e na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.    

O Comité de Selección encargado de avaliar e elixir os proxectos participantes estará constituído por tres membros da industria audiovisual de recoñecido prestixio, con carreiras consolidadas e proxectos recoñecidos polo gran público. 

O programa de incubación consistirá no desenvolvemento de sesións presenciais na Coruña e sesións online entre os próximos meses de setembro e novembro. Ao finalizar a incubación os seis proxectos participantes presentaranse en decembro no pitching “I+P, Idea para Producir” e beneficiaranse dunha subscrición na plataforma Filmarket Hub. 

Dotación económica  

Cada proxecto recibirá unha dotación de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento. Ademais, o Clúster sufragará a un representante por proxecto a viaxe, aloxamento e manutención en Galicia, en caso de residir noutras comunidades autónomas. 

Nova edición do I+P, IDEAS PARA PRODUCIR 

O Clúster abriu en paralelo á incubadora, o prazo para rexistrar proxectos para a 16ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que estará aberto ata o 30 de setembro de 2022, ás 14:00 horas. O I+P supón unha excelente oportunidade para a venda, o financiamento, a distribución e a coprodución de contidos para cine e televisión, e converteuse nun encontro de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional. 

A nova edición do “I+P, Ideas para Producir” conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), y celebrarase na Coruña os días 1 e 2 de decembro de 2022.  

Este foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara a súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas.

Tamén busca a participación de todo o sector contribuíndo a manter a diversidade cultural e lingüística do noso país e a favorecer unha maior cooperación cultural entre as Comunidades Autónomas. 

En total seleccionaranse 18 proxectos de cine e televisión para realizar o día 2 de decembro un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching. 

Tanto as Bases como o Formulario de inscrición da presente edición están dispoñibles nesta ligazón e na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.  

Para o I+P 2022, o Clúster tamén conta co patrocinio de Gadisa e Music Library & SFX, e coa colaboración da plataforma Filmarket Hub e das asociacións AGAG e CREA. 

Colaboracións 

O “I+P, Ideas para Producir” colabora de novo coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) co obxectivo de favorecer a participación dos membros de ambas asociacións no Pitching cunhas condicións preferentes. 

Descontos para socios de clústeres audiovisuais 

Ademais, as empresas asociadas a algún dos clústeres audiovisuais do territorio español, e non só do Clúster Audiovisual Galego, gozarán de descontos especiais para o “I+P, Ideas para Producir”.  

Presencia no catálogo de Filmarket Hub  

A plataforma online Filmarket Hub segue apoiando o “I+P, Ideas para Producir”. De maneira que as longametraxes e series en desenvolvemento seleccionadas para participar na 16ª edición deste foro incluiranse por tempo ilimitado no exclusivo catálogo de Filmarket Hub, o mercado online que opera no continente europeo e en Latinoamérica. Desta maneira os proxectos contarán con maior visibilidade e difusión, aumentando a súas opcións de encontrar posibles coprodutores ou compradores e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.