Cluster Audiovisual Galego

1ª edición de I+P, INCUBA, a incubadora do Clúster Audiovisual Galego

02-06-2022

I+P, INCUBA é a nova incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría. 


NOVO

Arranca na Coruña a 1ª edición de I+P, INCUBA

I+P, INCUBA, a nova incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, deu comezo ao seu programa de incubación o luns 5 de setembro na Coruña, coa sesión kick off desta primeira edición. 

Na presentación, celebrada no Centro Ágora, participaron, ademais dos mentores e os responsables dos proxectos seleccionados, o presidente do Clúster, Jorge Algora, e a coordinadora de I+P, INCUBA, Finocha Formoso, quenes agradeceron a implicación de todos eles para con esta iniciativa, e animaron a produtores e guionistas a aproveitar esta excelente oportunidade para mellorar os seus proxectos e para contribuír ao seu desenvolvemento. 

I+P, INCUBA é un programa de incubación e plataforma de pitching, que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría. 

O programa de incubación consistirá no desenvolvemento de sesións presenciais na Coruña e sesións online os meses de setembro, outubro e novembro. Ao finalizar a incubación os proxectos participantes presentaranse en decembro no pitching “I+P, Ideas para Producir” e beneficiaranse dunha subscrición na plataforma Filmarket Hub. 

Os proxectos

Nesta primeira edición, forman parte de I+P, INCUBA os proxectos “Sonámbulo”, de Vaca  Films Studio; “As defensas”, de Cósmica Producións; “Juliette y Camille”, de Anxos Fazáns e Silvia Fuentes; “Nexo”, de Voz Audiovisual”; “Una de bravas”, de Anna M. Bofarull, e “Cebra con lunares” (“Polka dot Zebra”), de Xosé Zapata. 4 deles están producidos e/ou dirixidos por mulleres. 

Mentores 

Cada un dos proxectos contará con asesoramento en tres ámbitos: guión, produción e distribución.  Un equipo de titores, conformado por profesionais de ampla traxectoria profesional no sector audiovisual como os directores, guionistas e produtores Fran Araujo (Hierro, La Peste), Carlos Bleycher (Alice´s Diary, La Granja de Turu, Pocoyó), Alberto Marini (serie Apagón de MovistarPlus+, El desconocido, Mientras duermes, Pulseras Rojas), David Muñoz (Los favoritos de Midas, Alatriste, El espiazo del diablo), Pepe Coira (Rapa, Hierro, Cuñados) ou Alberto Guntín (Método criminal, Serramoura, Matalobos), axudarán aos participantes e orientarán os seus proxectos.

Ademais, os proxectos seleccionados contarán coa asesoría de Marta Hernández Calzada (Tándem Films) e Óscar Olarte (MR. Factory), entre outros. 

Durante os próximos tres meses os incubados tamén poderán asistir a sesións grupais con diferentes profesionais da industria como Sarah Calderón (The Film Agency), Patricia Montilla (Andersen), Francisco Asensi (Spain Audiovisual Hub), Roger Casas (El Cañonazo), Alejandro Rojas (Parrot Analytics), Laura Miñarro (International Business and Coproduction), Pedro Martín (creA SGR), Jorge Caballero (GusanoFilms e Estocástica), David Rodríguez (Comscore) ou Yolanda Costas (Creast). 

I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos fondos Next Generation da Unión Europea.

Nesta primeria edición, tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e do Concello da Coruña.


Seleccionados os seis proxectos da 1ª edición de I+P, INCUBA 2022

I+P, INCUBA, a incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, seleccionou os seis proxectos que participarán na súa primeira edición. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría.  

Os seis proxectos finalistas foron elixidos, entre os máis dos cen recibidos, por un Comité de Selección integrado por Lidia Fraga, guionista e realizadora; Alicia López, coordinadora de contidos en The Mediapro e profesora e mentora de desenvolvemento no Máster de Guión da Universidade Complutense de Madrid e The Mediapro Studio, e Finocha Formoso, profesora na facultade de Ciencias da Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña. 

Entre os proxectos participantes nesta primeira edición están dúas longametraxes de ficción, unha longametraxe documental, dúas series de ficción e unha serie de animación. Cada proxecto recibirá unha dotación de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento. 

Proxectos seleccionados para I+P, INCUBA 2022: 

Longametraxes de ficción:

Sonámbulo, de Vaca Films Studio.

As defensas, de Nati Juncal (Cósmica Producións). 

Longametraxe documental:

Juliette y Camille, de Anxos Fazáns e Silvia Fuentes. 

Series de ficción:

NEXO, de Voz Audiovisual.

Una de bravas, de Anna M. Bofarull. 

Serie de animación:

Cebra con Lunares (Polka dot Zebra), de Xosé Zapata. 

Os participantes no programa de incubación asistirán a sesións presenciais na Coruña e sesións online, que se celebrarán entre os próximos meses de setembro e novembro. Ao finalizar a incubación os seis proxectos presentaranse en decembro no pitching “I+P, Idea para Producir”. 

I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos fondos Next Generation da Unión Europea.


Convocatoria I+P, INCUBA 2022

I+P, INCUBA, a nova incubadora de proxectos de cine e televisión do Clúster Audiovisual Galego, lanzou a convocatoria da súa primeira edición que ofrece titorías con profesionais destacados do sector audiovisual para os seis proxectos seleccionados. O prazo de recepción das candidaturas finaliza o próximo 4 de xullo.

I+P, INCUBA é unha iniciativa do Clúster Audiovisual Galego, que conta co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) do Ministerio de Cultura y Deporte, ao amparo do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Trátase dun programa de incubación e plataforma de pitching onde participan profesionais e empresas que superen previamente un proceso de selección, e que ten como obxectivo a incubación e mellora significativa de seis proxectos audiovisuais na fase de desenvolvemento a través de titorías, webinarios e consultaría. 

A convocatoria desta primeira edición estará aberta desde o 2 de xuño ata o 4 de xullo de 2022, ás 14:00 horas, e busca a incubación de proxectos audiovisuais que traballarán de forma colectiva e individual con expertos de recoñecido prestixio nas áreas de guión, produción e distribución.

Poderán inscribirse proxectos de produtores con domicilio social ou residencia en España que conten no seu equipo de traballo con polo menos un guionista. A través desta convocatoria apoiaranse 6 proxectos audiovisuais: 3 longametraxes de ficción ou documental, 2 series de ficción ou documental e 1 longametraxe ou serie de animación.

O Comité de Selección encargado de avaliar e elixir os proxectos participantes estará constituído por tres membros da industria audiovisual de recoñecido prestixio, con carreiras consolidadas e proxectos recoñecidos polo gran público.

O programa de incubación consistirá no desenvolvemento de sesións presenciais na Coruña e sesións online entre os próximos meses de setembro e novembro. Ao finalizar a incubación os proxectos participantes presentaranse en decembro no pitching “I+P, Idea para Producir” e beneficiaranse dunha subscrición na plataforma Filmarket Hub.

Ademais, cada proxecto recibirá unha dotación económica de 15.000 euros para completar a fase de desenvolvemento, e o Clúster sufragará a un representante por proxecto a viaxe, aloxamento e manutención en Galicia, no caso de residir noutras comunidades autónomas.

A listaxe de proxectos seleccionados publicarase na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.

 

Podes consultar as Bases da primeira edición do I+P, INCUBA aquí.

Podes inscribir o teu proxecto premendo nesta ligazón.