Cluster Audiovisual Galego

Convocatoria da 16ª edición do pitching “I+P, IDEAS PARA PRODUCIR”

02-06-2022

O Clúster Audiovisual Galego abriu a convocatoria para inscribir proxectos para a 16ª edición do pitching “I+P, Ideas para Producir”, que supón unha excelente oportunidade para a venda, o financiamento, a distribución e a coprodución de contidos para cine e televisión, e que se converteu nun encontro de referencia para os profesionais do sector a nivel nacional.

A nova edición do “I+P, Ideas para Producir” conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e celebrarase na Coruña os días 1 e 2 de decembro de 2022.

Este foro profesional de exposición de proxectos audiovisuais ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara a súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas.

Ademais, o I+P busca a participación de todo o sector contribuíndo a manter a diversidade cultural e lingüística do noso país e a favorecer unha maior cooperación cultural entre as Comunidades Autónomas.

O prazo de inscrición de proxectos estará aberto desde o 2 de xuño ata o 30 de setembro de 2022, ás 14:00 horas.

Neste foro poderanse rexistrar os seguintes formatos:

  • Longametraxes de ficción, animación e documental.

  • Series de ficción, animación e documental.

  • Miniseries de ficción, animación e documental.

  • Programas de televisión e outros formatos de entretemento.

Así mesmo, poderanse rexistrar varios proxectos por creador ou empresa e, como máximo, poderá ser seleccionado para participar no I+P un proxecto por autor ou empresa.

O Comité de Selección encargado de avaliar e elixir as obras participantes estará constituído por tres membros da industria audiovisual de recoñecido prestixio, con carreiras consolidadas e proxectos recoñecidos polo gran público.

Os 18 proxectos seleccionados para participar no I+P realizarán o día 2 de decembro un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación, celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching. Ademais, estes traballos (longametraxes e series en desenvolvemento) beneficiaranse dunha subscrición na plataforma Filmarket Hub.

A listaxe de proxectos participantes publicarase na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com.

 

Podes consultar as Bases da 16ª edición do “I+P, Ideas para Producir” aquí.

Podes inscribir o teu proxecto premendo nesta ligazón.