A presentadora da TVG Noelia Rey recolleu o galardón 'Novo Talento en Pantalla' dos premios europeos CIRCOM 2022
A xornalista e presentadora da TVG Noelia Rey recolleu o xoves o seu ‘Premio CIRCOM ao Novo Talento en Pantalla’ en 2022
na gala dos Prix CIRCOM Rexional e a 38 Conferencia de CIRCOM, que ten lugar en
Galway (Irlanda) a pasada semana. A CRTVG lidera e participa activamente neste
foro de debate internacional que reúne profesionais de medios de toda Europa.
Os principais temas de debate desta edición xiraron ao redor da independencia,
o financiamento e gobernanza, a transformación dixital e a seguridade nos
medios públicos de comunicación rexionais europeos.
Nesta edición, o Grand Prix CIRCOM foi para France 3 polo documental ‘D'abord
ne pas nuire’, mentres que a BBC acadou dous galardóns nas categoría de
‘Minorities in society’ ou ‘News Programme’, e os medios públicos autonómicos
de Cataluña e País Vasco foron tamén galardoados. Os Premios CIRCOM foron
creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión
producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa.
Premio CIRCOM ao Novo
Talento en Pantalla
A galardoada, Noelia Rey (Ourense, 1995), presenta o
espazo de actualidade en clave de humor ‘Malicia noticias’, que se emite na
franxa do prime time da TVG. Anteriormente formou parte dos
equipos dos espazos da Galega ‘Aquí Galicia’, ‘Adiviña quen vén esa tarde’ ou
do concurso-karaoke do verán ‘Cantas ou non?’. Foi tamén unha das caras
coñecidas da TVG elixidas para presentar o programa especial das badaladas de
Noitevella, en decembro pasado.
Ademais, outra produción da TVG, ‘3 camiños’,
foi recoñecida nestes premios europeos do audiovisual cunha mención especial na
categoría ‘Entretemento e ficción’, que foi entregada por Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG e
secretario xeral de CIRCOM. Emitida no verán de 2021 na TVG, esta serie é unha
coprodución internacional que fomenta e difunde o fenómeno xacobeo e os valores
do Camiño de Santiago, e que está protagonizada polos actores Álex González e
Verónica Echegui.
Segunda vez en catro anos
É a segunda vez en catro anos que a CRTVG acada o premio ao Novo Talento en
Pantalla logo de que en 2019 o galardón recaera na xornalista Alba Mancebo. A
CRTVG obtivo outros galardóns neste certame, o último en 2020 para o documental
‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría ‘Minorías en sociedade’. En
anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de
televisión. O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’
foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións
do Prix CIRCOM.
CIRCOM reúne unhas 250 televisións e centros emisores de 30 países, entre elas
11 autonómicas españolas, que engloban uns 22.000 xornalistas. Desde 2015, o
seu secretario xeral é o xornalista Fernando R. Ojea, director de Contidos da
Corporación. A CRTVG continúa a participar activamente en foros internacionais
como CIRCOM, nos que atopa excelentes sinerxías coas televisións internacionais
europeas que posibilitan, entre outras cousas, acordos de cesión de contidos e
o acceso a amplas fontes de coñecemento no eido audiovisual, así como a
producións europeas de primeira calidade, como as emitidas nas ‘Noites
Temáticas’ da G2.