Cluster Audiovisual Galego

O documental “A Cero.5”, producido por Agallas Films, estrearase o 20 de maio na plataforma Filmin

12-05-2022

Tralo seu paso pola SEMINCI, a película documental de Gonzalo Suárez “A Cero.5” estrearase o 20 de maio na plataforma Filmin. O filme narra o proceso de reconstrución dun estudante de cine que tras unha lesión medular decide coller unha cámara e documentar todo o proceso ata a súa entrada nun equipo de baloncesto en cadeira de rodas.

Esta longametraxe documental abarca toda unha vida, é a historia de Gonzalo un aspirante a director de cine, que aos seus vinte sofre un accidente que lle causa unha lesión medular. Gonzalo que ata o momento só estivera interesado en realizar ficción, decide coller unha cámara e gravar un documental que narra a súa chegada o baloncesto en cadeira de rodas no equipo vigués do AMFIV. Gonzalo descobre neste baloncesto un deporte espectacular, por momentos violento, cheo de compañeirismo. Durante dúas temporadas con case unha década de diferencia segue ao AMFIV e os seus intentos por alzarse cun título europeo.

“A Cero.5” é unha produción da nosa asociada Agallas Films (“A Illa das Mentiras”), coescrita pola súa produtora executiva Paula Cons (“¿Dónde está Marta?”, “A Illa das Mentiras”) e Gonzalo Suárez.

O documental, unha coprodución coa produtora portuguesa Take 2000, conta coa participación de TVE, TVG, AGADIC e IBERMEDIA e abarca máis de 10 anos de rodaxe e centos de horas de gravación, desde imaxes caseiras a outras rodadas coas máis innovadoras técnicas, da man da directora de fotografía viguesa Noemí Chantada, ata animacións.

Unha película chea de humanidade, momentos únicos, verdade e emoción.