Cluster Audiovisual Galego

Finaliza a rodaxe de “Fatum”, a nova película de Luis Tosar, producida por Vaca Films

09-05-2022

“Fatum”, producida pola nosa asociada Vaca Films e protagonizada por Luis Tosar e Álex García, finaliza a súa rodaxe. A primeira longametraxe de ficción de Juan Galiñanes, cun guión escrito por el mesmo e Alberto Marini (“La Unidad”, “El desconocido”), é unha orixinal e trepidante película arredor dun atraco que apela aos sentimentos máis universais. Un relato ao límite que transcorre en tan só 12 horas.

Juan Galiñanes, director de “Fatum” sinala que “todos os personaxes están movidos por emocións como o amor, a vinganza e a culpa, polo que é mo fácil empatizar con eles. En ‘Fatum’ non hai malos nin bos, tan só persoas que se enfrontan de fronte aos caprichos do destino”.

“Fatum” está protagonizada por Luis Tosar (“Código Emperador”, “Hasta el cielo”) e Álex García (“Antidisturbios”, “Si yo fuera rico”). Completan o reparto Elena Anaya (“Wonder Woman”, “La piel que habito”), Arón Piper (“Código Emperador”, “El desorden que dejas”), Luisa Mayol (“Alegría”, “Quien a hierro mata”) e Pepa Gracia (“La Unidad”, “Feria: La luz más oscura”).

Sinopse

Sergio ten graves problemas co xogo. Tras xurar a súa dona que non volvería a caer, recibe un sopro sobre un suposto amaño dun partido de fútbol e, incapaz de cumprir a súa promesa, regresa á casa de apostas coa intención de recuperar todo o diñeiro perdido. O sopro resulta ser certo e por fin a súa sorte vai cambiar… pero Alejo, cun pasado salpicado tamén polo xogo, irrompe armado no local. Pablo, francotirador do GEO, é presionado pola comisaria Costa para prestar servizo no atraco. Pero a cabeza do GEO está noutro sitio, no hospital, onde a vida do seu fillo pende dun fío. O destino fai que Sergio e Pablo se vexan envoltos nun atraco a unha casa de apostas, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre.

“Fatum” é unha produción de Vaca Films en coprodución con Playtime  e coa participación de RTVE, Amazon, TVG e co apoio de ICAA e Agadic, e chegará aos cines distribuída por Universal Pictures International Spain ao longo deste ano.