Cluster Audiovisual Galego

RTVE e Portocabo preparan “Argonautas”, primeira serie infantil de imaxe real para a canle Clan

09-05-2022

RTVE e a nosa asociada Portocabo veñen de asinar un acordo para coproducir “Argonautas”, a súa primeira serie infantil de imaxe real para a canle Clan. Un paso máis de RTVE no seu obxectivo de descentralizar a produción e explorar novas vías de coprodución. A serie contará co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, e rodarase este verán na cidade da Coruña e en Laxe.

Acudiron á presentación da serie no Museo de Belas Artes da Coruña Yago Fandiño, director de Contidos Infantís de RTVE e Clan; Alfonso Blanco, CEO de Portocabo e produtor executivo da serie; Román Rodríguez, conselleiro en funcións de Cultura e Educación da Xunta de Galicia; Jacobo Sutil, director de Agadic; José Luis Pérez Añón, alcalde de Laxe, e Jesús Celemín, concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego do Concello da Coruña.

Yago Fandiño destacou o interese da Corporación por realizar este tipo de producións: historias orixinais, rodadas en España; series que aportan un punto de vista fresco e representan valores propios dunha televisión pública. A serie, producida en Galicia, sigue a estratexia da canle por abrir o abano a novas producións en diferentes rexións, que a Corporación emprendeu nos últimos anos. Neste caso trátase de buscar outros camiños para a produción de series infantís españolas por parte de RTVE.

Alfonso Blanco expuxo o interese da produtora por producir series infanto-xuvenís en imaxe real, un formato con escasa presencia no mercado español pero que ten un enorme potencial e xa levantou o interese en grandes distribuidores a nivel mundial. “Ter unha oportunidade como “Argonautas”, creada e producida desde Galicia é un logro da produtora”, afirma Blanco, que vén de producir series como “The Avatars” e “Miracle Tunes”, dúas series kids live action de gran repercusión.

A ficción contou co apoio do HUB Audiovisual da Xunta de Galicia xestionado por Agadic. Unha medida específica que ofrece unha inxección económica para as produtoras independentes galegas algo que, ademais de atraer rodaxes á comunidade autónoma, aumenta a competitividade e fortalece o tecido audiovisual galego. Trátase dunha operación financiada pola Unión Europea, a través do Fondo Europeo de desenvolvemento Rexional (FEDER), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

(FEDER), como parte de la respuesta de la Unión Europea a la pandemia del COVID-19.

Román Rodríguez explicou que se calcula un impacto económico de 2,6 millóns de euros e a creación duns 40 postos de traballo a partir da subvención de 350.000 euros por medio do dito fondo de rodaxes.

Laxe e a cidade da Coruña son as localizacións escollidas para o novo traballo da produtora Portocabo, á que o conselleiro lle agradeceu publicamente a súa aposta por rodar en Galicia desde unha perspectiva nacional e internacional coa que está “conquistando as principais plataformas de distribución e fancéndoo, ademais, cun claro selo galego”.

Cinco amigos e unha gran aventura

“Argonautas”, dirixida a un target entre 8 e 12 anos, é unha serie aspiracional, na que unha panda de cinco amigos vivirá un verán diferente.

Xuntos veranse envoltos nunha gran aventura enfrontando perigos e descubrindo o valor da amizade. A serie está inspirada en grandes clásicos da literatura e o cine como “El club de los cinco” ou “Los Goonies”, adaptados ao século XXI.

Foto: Rocío Cibes