Cluster Audiovisual Galego

A rodaxe da serie “Rapa” deixa máis de 3 millóns de euros en Galicia, segundo a Xunta

13-01-2022

A rodaxe de “Rapa”, a nova serie da produtora socia do Clúster Portocabo para Movistar+, deixou un gasto en Galicia de máis de 3 millóns de euros, segundo os cálculos realizados pola Xunta.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse a comezos deste mes co produtor executivo de Portocabo, Alfonso Blanco, para valorar o resultado da rodaxe en Galicia da serie “Rapa”, a nova produción da empresa galega e Movistar como primeira proposta realizada ao amparo do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Xunta, que implicou un gasto na nosa Comunidade de máis de 3 millóns de euros.

No encontro, no que tamén participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, expuxéronse os detalles da filmación levada a cabo durante dous meses en distintas localizacións da serra da Capelada e de varios concellos desta zona da provincia da Coruña.

“Rapa” é a primeira proposta realizada ao amparo do novo Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta e, en concreto, do seu fondo para a atracción de rodaxes, no marco do que resultou adxudicataria dunha axuda de 300.000 euros. Con esta medida específica do Hub, o Goberno galego ofrécelles unha nova inxección económica ás empresas galegas que leven a cabo proxectos xunto con produtoras, canles de televisión e plataformas de fóra de Galicia. Un dos principais requisitos consiste na realización dun investimento mínimo en Galicia: 1 millón de euros para longas cinematográficas de ficción e animación e 1,5 millóns de euros para as series de ficción. No caso de “Rapa” o gasto realizado a raíz da súa rodaxe durante máis de dous meses na nosa Comunidade multiplica por 10 a contía da subvención concedida, xa que este se estima superior aos 3 millóns de euros.

Na reunión tamén houbo oportunidade de coñecer algúns dos próximos proxectos de Portocabo, artífice da multipremiada serie “Hierro” e unha das produtoras galegas de maior proxección nacional e internacional na actualidade. Así, a empresa coruñesa anunciou recentemente a apertura dunha nova oficina de produción radicada en Lisboa e prepara xa unha secuela do filme de éxito “Cuñados”, que acaba de obter apoio da Xunta para a súa posta en marcha a través das subvencións ao desenvolvemento audiovisual.

Pepe Coira e Fran Araújo son os creadores desta nova proposta televisiva, que dirixe Jorge Coira e conta con Alfonso Blanco na produción executiva.

En canto á interpretación, Javier Cámara e Mónica García encabezan un elenco cunha importante representación galega, con nomes como Lucía Veiga, Eva Varela, Toni Salado, Berta Ojea, Iria Sobrado, Tito Asorey, Ricardo Barreiro ou Mabel Rivera, entre outros. Todos eles lle dan vida a este thriller, que arranca durante a celebración da festa da Rapa das Bestas, cando ten lugar un crime que Maite, unha sarxento da Garda Civil, intentará resolver coa axuda de Tomás, un profesor frustrado.

A serra da Capelada e os seus acantilados sobre o océano Atlántico son os principais escenarios naturais desta serie de seis episodios, que ten prevista a súa estrea en primavera de 2022 e que contou coa participación maioritaria de profesionais galegos nos planos artístico e técnico.