Cluster Audiovisual Galego

Santiago acolle a 5ª edición do Pitching TFG, que conecta o talento audiovisual galego coa industria

20-12-2021

A 5ª edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), organizada polo Clúster Audiovisual Galego en colaboración coas Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña, acolleu o pasado venres, día 17, en Compostela, a presentación de 13 proxectos audiovisuais das tres universidades diante de profesionais do sector galego. 

A apertura deste foro, celebrado no Centro Obra Social Abanca de Santiago de Compostela, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, quen destacou a importancia de manter un contacto entre o sector universitario e empresarial no ámbito da industria audiovisual, e referiuse ao importante número de proxectos dixitais da presente edición. 

Durante a xornada, os mozos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos con empresas socias do Clúster, e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos proxectos. 

O Pitching TFG celebrou este ano a súa quinta edición, co apoio do Igape e coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, mantendo como principal obxectivo a posta en valor do novo talento audiovisual e a súa conexión co tecido empresarial galego. En 2021 as entidades académicas seleccionaron un total de 13 Traballos Fin de Grao de graduados en Comunicación Audiovisual das Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña para seren presentados ante profesionais do audiovisual. Os proxectos seleccionados están en diferentes fases de desenvolvemento e inclúen documentais, curtas, videoxogos, videoclips e unha app. 

Os proxectos da Universidade de Santiago de Compostela presentados foron “Mentres me quede voz”, de Adela Otero, Daniel Maques e Sara López; “Trasgrediendo la realidad con un videoclip. WAR!”, de Rosalía Fernández; “GaliArt”, de Antonio Casal, Patricia Crego e Lucía Alcalde; “Elaboración dunha aventura gráfica. O caso de Fragmentada Mente”, de Alejandro Teijeiro; e “The Grove”, de Alexandre Táboas. 

Por parte da Universidade de Vigo presentáronse os proxectos “Carracedo”, de Manuel Lucas; “Voces ocultas”, de Andrea Varela, Miriam Álvarez, Ana Arguelles e Sophie González, e “Avalón”, de Joel Gómez. 

E Universidade da Coruña estivo representada polos seguintes traballos: “La fábrica entre nosotros”, de Juan Francisco Maya; “La caída”, de Adrián García; “Los Del Vídeo”, de Jorge Barallobre, Daniel Fraga e Carlos Nogueiras; “A Sustentabilidade: unha viaxe mediante Google Earth”, de Carlota Fiaño, e “Veira: más allá de los fogones”, de Adriana Muscó, Arantxa Menéndez, Carmela González e Carmen Iglesias.   

Os responsables destes proxectos contaron con 8 minutos para intentar captar o interese do auditorio, conformado por algunhas das produtoras máis destacadas do sector audiovisual galego, como Adivina Producciones, Filmax, Melgo Cinema ou Zenit Televisión, e pola Televisión de Galicia. 

Tralas presentacións os participantes tiveron a oportunidade de ter un speed dating, un espazo de tempo para falar con cada unha das empresas. A través destas reunións facilitóuselles un contacto directo no que os mozos tiveron ocasión de aportar información adicional e os produtores puideron dar súa opinión sobre os proxectos, ademais de fomentar a posible continuidade futura do contacto entre ambos. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, cerrou a xornada salientando a importancia de foros coma este e animou aos mozos a realizar proxectos audiovisuais en lingua galega. O representante da Xunta de Galicia tamén deu a coñecer o traballo gañador do premio desta edición, que foi para “Carracedo”, proxecto de documental de Manuel Lucas, logo de resultar elixido polas empresas que participaron na xornada. 

Os proxectos participantes optaban a un premio consistente nun Bono de servizos de empresas do Clúster por importe de 1.000 euros, que lle permitirá ao gañador ter acceso a servizos cos que poida abordar algún proceso de preparación para a venda, produción, iluminación, postprodución ou son do seu proxecto. As empresas das que se poderán solicitar servizos son as de toda a cadea de valor do sector audiovisual galego asociadas ao Clúster.