Cluster Audiovisual Galego

"La gallina Turuleca" e "La boda de Rosa", galardoadas nos Premios Platino 2021

11-10-2021

“La gallina Turuleca”, coproducida pola socia do Clúster Filmax, e “La boda de Rosa”, ambas distribuídas por Filmax, foron recoñecidas con tres galardóns nos VIII Premios PLATINO do Cine Iberoamericano, que promove a Entidad de Gestión de Derechos de los Productores Audiovisuales (EGEDA) na colaboración coa Federación Iberoamericana de Productores Cinematográficos y Audiovisuales (FIPCA).

“La gallina Turuleca” conseguiu o premio PLATINO á Mellor Película de Animación​. A película volveu en 2020 ás nosas pantallas convertida en personaxe de animación e con numerosos e coñecidos temas musicais, ademais das voces de Eva Hache e José Mota, que interpretan aos protagonistas do film.

Ademais deste galardón nos Premios PLATINO, a película foi recoñecida co Premio Goya a Mellor Película de Animación e a Medalla CEC a Mellor Longametraxe de Animación.

O filme conta coa produción artística do gañador do Goya, Juan Pablo Buscarini (“Pérez, el ratoncito de tus sueños”; “La gran aventura de Los Lunnis y el libro mágico”). A cinta é unha produción hispano-arxentina de Tandem Films, Producións a Fonsagrada (Filmax), Gloriamundi Producciones e Brown Films, en coprodución con Pampa Films, Argentina Sono Film, Mediabyte, In Post We Trust, Malditomaus, coa participación de RTVE, CRTVG, VODAFONE e CREA SGR. Filmax encárgase tanto da distribución en España como das vendas internacionais.

“La boda de Rosa” conseguiu os Premios PLATINO Mellor Interpretación Feminina para Candela Peña e Mellor Interpretación Feminina de Reparto para Nathalie Poza​. A última comedia de Iciar Bollain, é a odisea do seu protagonista para empezar unha nova vida, aínda que ninguén a entenda. Unha noiva moi especial interpretada por Candela Peña, cos excepcionais Sergi López, Nathalie Poza, Ramón Barea e Paula Usero como a súa invasiva pero cariñosa familia.

Ademais destes dous galardóns nos Premios Platino, a película foi recoñecida con dous Premios Goya (Mellor Actriz de Reparto para Nathalie Poza e Mellor Canción Orixinal para Rozalén por “Que no, que no”), o Premio Feroz a Mellor Película, o Premi Gaudí a Millor Protagonista Femenina para Candela Peña e 6 Medallas CEC (incluída Mellor Película, Dirección e Actriz Protagonista)

"La boda de Rosa" é unha produción de Tandem Films, Turanga Films, Setembro Cine, La boda de Rosa la película AIE e Halley Productions (Francia). Conta coa participación de RTVE, Movistar+ e À Punt Mèdia, co financiamento do Goberno de España e coa axuda do Institut Valencià de Cultura (IVC) e do Institut Català de les Empreses Culturals (ICEC). É distribuída en España por Filmax e as vendas internacionais corren a cargo de The Match Factory.