Cluster Audiovisual Galego

“TRES”, de Frida Films, ten nova data de estrea en cines: o 5 de novembro

28-09-2021

“TRES”, dirixida por Juanjo Giménez, estrearase en cines o 5 de novembro da man de Filmax trala súa première mundial en Giornate degli Autori do Festival de Venecia e participar en Toronto International Film Festival (Contemporary World Cinema).

Juanjo Giménez (Palma de Ouro en Cannes e nomeado ao Oscar pola curtametraxe Timecode) dirixe en “TRES” a Marta Nieto interpretando a C, unha deseñadora de son que goza do seu traballo e pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, misturando. O estudio é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa exparexa, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo.

Aínda que ela aínda non o sabe, C está comezando a desincronizarse. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes.

Completan o reparto Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu.

Antes da súa estrea en salas, a película participará na próxima edición do Festival de Sitges, na Sección Oficial a competición.

Trátase dunha produción de socia do Clúster Frida Films en coprodución con Manny Films (Francia) e M-Films (Lituania) que conta co apoio do ICAA, ICEC e Agadic e coa participación de RTVE, TVG, Televisió de Catalunya, Canal Plus Francia, así como cos fondos de Media e Eurimages.