Cluster Audiovisual Galego

CTV e SPi alíanse para producir “Motel Valquirias”, unha serie feminina que se desenvolve na fronteira galego-portuguesa en oito capítulos

27-09-2021

A produtora socia do Clúster CTV e  a portuguesa SPi anuncian no OUFF a rodaxe de “Motel Valquirias”, unha serie creada por Ghaleb Jaber Martínez e dirixida por Álex Sampaio e Jorge Queiroga. A produción audiovisual realízase coa participación de Televisión de Galicia (TVG) e Radio e Televisión de Portugal (RTP) e conta co apoio da Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. Trátase dunha dramedia feminina, con tintes de thriller, ambientada nun motel transfronteirizo entre Galicia e Portugal que se desenvolverá ao longo de oito capítulos de cincuenta minutos de duración.

A sinopse sinala que tres mulleres con problemas económicos e persoais se cruzan de forma fortuíta cun cliente do motel Valquirias que transporta unha valiosa mercadoría. Así é como Lucía –unha nai separada que foxe de seu home–, Eva –unha actriz en declive– e Carolina –a propietaria do establecemento en bancarrota– se unen para roubar o botín. Pero o que non saben as tres mulleres é que a mercadoría pertence a unha perigosa banda que se dedica a branquear cartos.

Jaber Martínez, que ademais do creador da serie é o showrunner de CTV, subliña que se trata dunha historia de “empoderamento feminino e superación persoal” polo valor que amosan as tres protagonistas. “A fazaña destas mulleres, que son quen de rachar co pasado para conquistar o seu futuro, fai que nos sintamos inevitablemente atraídos por elas e identificados coas súas decisións. Ademais xogamos visualmente cun imaxinario colectivo moi recoñecible en calquera parte do mundo: as fronteiras. Todos estes son compoñentes que a converten nunha historia universal”, tal como agrega.

José Amaral, managing director de SPi, destaca, pola súa parte, a proxección internacional dos actores lusos que van participar. “Este proxecto captou o noso interese dende o primeiro momento, porque se trata dun thriller con tintes dramáticos, que posúe unha narrativa abraiante para o espectador, materializándose a conexión entre os dous países nese espazo fronteirizo convertido no centro da acción”, segundo engade.

O potencial de Galicia e Portugal

CTV e SPi –dúas das produtoras máis importantes de Galicia e Portugal, que contan cun equipo técnico e artístico de primeiro nivel– únense na aposta por unha estratexia de distribución internacional. Esta orientación empresarial xa foi probada con éxito por CTV en series galegas como “O sabor das margaridas” (CTV) ou “Auga seca” (SPi). Agora, “Motel Valquirias” “quere seguir exportando ao mundo o potencial de Galicia, neste caso o da provincia de Ourense, e Portugal como escenario privilexiado para o desenvolvemento da produción audiovisual, tanto pola súa infraestrutura técnica e artística, como polas súas paisaxes e localizacións”, conclúen senllas produtoras.