Cluster Audiovisual Galego

Filmax estreará en cines "TRES", producida por Frida Films, o próximo 22 de outubro tralo seu paso polos festivais de Venecia, Toronto e Sitges

14-09-2021

“TRES", dirixida por Juanjo Giménez e producida pola socia do Clúster Frida Films, estrearase en cines o 22 de outubro trala súa premiere mundial en Giornate degli Autori do Festival de Venecia e participar en Toronto International Film Festival (Contemporary World Cinema). 

Juanjo Giménez (Palma de Oro en Cannes e nomeado ao Oscar pola curtametraxe Timecode) dirixe en "TRES"Marta Nieto interpretando a  C, unha deseñadora de son que goza do seu traballo e pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, misturando. O estudio é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo.

Aínda que ela aínda non o sabe, C. está comezando a desincronizarse. Como se fora unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes. 

Completan o reparto Miki Esparbé, Francisco Reyes e os actores galegos Luisa Merelas, Cris Iglesias e Fran Lareu.

Antes da súa estrea en salas da man da nosa asociada Filmax, a película participará na próxima edición do Festival de Sitges, na Sección Oficial a competición.

Frida Films, produtora galega fundada en 2008 por Luisa Romeo (seleccionada en "Producers on the move" en Cannes), produciu longametraxes como Trote, María (y los demás) e El arca de Noé, documentais como La mujer de El Eternauta, Los Increíbles, Gallo e curtametraxes como El caminante.

"TRES" conta coa axuda de ICAA, ICEC e AGADIC e coa participación de RTVE, TVG, Televisió de Catalunya, Canal Plus Francia, así como cos fondos de MEDIA e EURIMAGES