Cluster Audiovisual Galego

A TVG coproducirá catro novas películas este ano

08-09-2021

A TVG acordou a súa participación en catro novos proxectos cinematográficos -tres longametraxes e unha película para televisión- en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual. Destas catro producións, dúas serán apostas por directores noveis.

Así, o primeiro proxecto cinematográfico que contará co apoio da Televisión de Galicia é a longametraxe de autor “La parra”, de Filmika Galaika, en que o director Alberto Gracia aborda un filme noir con fondo autobiográfico, a crónica dun Ferrol detido no tempo, contada dun xeito persoal e particular, moi preto dunha visión onírica.

A TVG tamén participará na longametraxe “As neves”, ópera prima da actriz e directora galega Sonia Méndez, presentada por Cósmica Producións en coprodución con Aquí y Allí Filmes. Ofrece unha historia de adolescentes moderna acaecida no medio rural, un drama psicolóxico que amosa como a rutina dos rapaces dunha vila remota se ve alterada pola desaparición dunha compañeira.

Outro dos proxectos seleccionados é a película de alto presuposto “Fatum”, co habitual selo da socia do Clúster Vaca Films en canto á súa dimensión e ambición. Será a primeira longametraxe de Juan Galiñanes como director, que aquí tamén suma talento como guionista xunto ao recoñecido Alberto Marini, creador de grandes historias coma ‘O descoñecido’. Este thriller trepidante, con acción e suspenso a partes iguais, está construído sobre os tres piares básicos da vida: saúde, diñeiro e amor.

Por último, a TVG participará na película para televisión “O meu ilustrísimo amigo”, da tamén socia Agallas Films, un proxecto concibido en coprodución con varias televisións autonómicas  (Televisión Canaria, TVG e TV3).  Dirixida pola galega Paula Cons, terá máis dun 80% de rodaxe en Galicia. O proxecto aborda a figura da condesa Pardo Bazán afondando na súa historia de amor con Benito Pérez Galdós, ata o de agora só esbozada de forma xenérica.

Os criterios de selección empregados foron a participación en proxectos que destaquen pola súa creatividade, calidade, viabilidade e capacidade de repercusión na sociedade. Tamén se lle prestou atención ao valor artístico e ao vencellamento coa realidade social e cultural galega. Ademais, tivéronse en conta os recursos humanos, as biografías das autores, as historias das produtoras, os recursos económicos implicados e as gravacións en territorio galego.

A TVG segue a súa estratexia de apoio e internacionalización do sector audiovisual que tantos éxitos está a colleitar no mercado de TDT e en plataformas dixitais, dando nome a un xénero que xa se coñece como o Galician Noir.