Cluster Audiovisual Galego

O "I+P, Ideas para producir" 2021 abre convocatoria para proxectos de cine e televisión

26-07-2021

O pitching “I+P, Ideas para Producir” ten aberto ata o 6 de outubro o prazo para inscribir proxectos audiovisuais na súa 15ª edición, que se celebrará os días 30 de novembro e 1 de decembro en Pontevedra. O Clúster Audiovisual Galego garantirá as medidas de protección persoal e distancia social fronte á Covid-19. 

O “I+P, Ideas para Producir” ten como obxectivo reunir a produtores, guionistas e directores que teñan un proxecto de cine ou televisión, e que busquen alianzas empresariais de cara á súa coprodución, venda ou distribución, con directivos de canles de televisión e plataformas, produtores executivos, distribuidores e responsables de vendas internacionais.  

Entre todos os traballos recibidos, un comité de expertos seleccionará 18 proxectos de cine e televisión para realizar o día 1 de decembro un pitch diante de destacados axentes do sector audiovisual. A continuación celebraranse os encontros one to one entre os produtores e creadores dos traballos e os expertos que asistan este ano ao Pitching. 

Os produtores e creadores interesados en participar nesta nova edición do I+P poden rexistrar os seus traballos ata o día 6 de outubro enviando o formulario de inscrición a comunicacion@clag.es. Tanto a convocatoria como o formulario están dispoñibles na páxina web www.clusteraudiovisualgalego.com. O Clúster comunicará en novembro os proxectos seleccionados. 

Na edición de 2021 o “I+P, Ideas para Producir” conta co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte; da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), e do Concello de Pontevedra. Co patrocinio de Gadisa, Music Library & SFX, Cinetools, Galicia Calidade e Campos&Rial Correduría de Seguros, e coa colaboración de AGAG, CREA, da plataforma Filmarket Hub, do MPXA e da Pontevedra Film Commission. 

Colaboración AGAG e CREA

O “I+P, Ideas para Producir” renova a súa colaboración coa Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e coa Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) co obxectivo de favorecer a participación dos membros destas asociacións no pitching cunhas condicións preferentes. 

Os proxectos dos socios de AGAG e de CREA mellor valorados polo Comité de Selección entre todos os inscritos no “I+P, Ideas para Producir” terán acceso directo á xornada, gozando do mesmo desconto que os socios do Clúster Audiovisual Galego. No caso de haber máis proxectos de membros de AGAG e de CREA seleccionados para participar na xornada, a estes aplicaránselles as condicións xerais. 

Descontos para socios de clústeres audiovisuais 

Ademais as empresas asociadas a algún dos clústeres audiovisuais do territorio español, e non só do Clúster Audiovisual Galego, gozarán nesta nova edición de descontos especiais para o “I+P, Ideas para Producir”.  

Presenza no catálogo de Filmarket Hub  

A plataforma online Filmarket Hub segue apoiando o “I+P, Ideas para Producir”. De maneira que as longametraxes e series en desenvolvemento seleccionadas para participar na 15ª edición do foro incluiranse por tempo ilimitado no exclusivo catálogo de Filmarket Hub, o mercado online que opera no continente europeo e en Latinoamérica. Deste xeito os proxectos contarán con maior visibilidade e difusión, aumentando as súas posibilidades de encontrar posibles coprodutores ou compradores e podendo acceder a outras empresas ademais das que participen no pitching.


Convocatoria I+P 2021

Formulario de inscrición 2021